A estabilidade predominará este luns, aínda que a franxa atlántica amencerá con máis nubes antes de abrirse amplos claros pola tarde

Galicia comezará a semana baixo o dominio das altas presións e cunha circulación atmosférica de compoñente suroeste, o que asegurará unha xornada de tempo completamente seco en todo o territorio.
O estado do ceo virá marcado por unha maior presenza de nubes na franxa oeste durante as primeiras horas do día. Non obstante, a medida que avance a xornada, a tendencia xeral será á progresiva apertura de claros, deixando un ambiente máis despexado e soleado de cara á tarde.
No relativo aos termómetros, as temperaturas mínimas manteranse estables, sen apenas variacións respecto aos rexistros da fin de semana. Pola súa parte, as máximas experimentarán un lixeiro ascenso nas horas centrais, propiciando unha sensación térmica tépede e agradable. (máximas de 18 a 21 graos).
O réxime de ventos soprará frouxo de compoñente oeste tanto nas comarcas do interior como no litoral da comunidade.

O noso mar: Vento do sur, forza 3 a 4 á mañá e 3 a 5 á tarde e á noite. Marusía. Visibilidade boa. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 2 a 2.5 metros.



