
Aos seus 21 anos e durante o acto de entrega dos premios “Princesa de Asturias”, esta (actual titular desa distinción) amosou o “desencanto e falta de expectativas” por parte da xuventude. A princesa Leonor, nun discurso no que se evidenciou a conexión cos seus pais, os Reis de España, salientou o papel da Constitución de 1978 e lembrou que a democracia “é un camiño que segue aberto e que obriga a ser humildes, a manternos alerta e a conservar a vontade de aprender e mellorar”.
Felipe VI, seu pai, apelou no mesmo acto á “responsabilidade colectiva, á convivencia e á busca do ben común”, aspectos que boi ben encaixarían nun “total” formulativo dun programa no que os máis novos – a xuventude á que situou nun plano actual a princesa- bota por terra unha teoría por min barallada e por varios lectores deste mesmo xornal criticada (cousa que agradezo do mesmo xeito que o fago con aqueles outros que concordaron co por min exposto) porque, ao fin e ao cabo, falamos dunha xeración de españois que precisan de – cadrando ou non nas súas apreciacións – contribuíren a elaborar con firmeza as bases mínimas de convivencia que os do meu tempo coñecimos grazas á morte de Franco e con ela ao remate da ditadura, da que nos liberamos (dou por feito que definitivamente) abrindo as espectativas ás que tanto Felipe VI como a Princesa de Asturias se referiron no Teatro Campoamor nese acto ao que me refería ao comezo.
Porque temos, si, unha xuventude preparada por máis que unha parte dela estea ou semelle estar errada na súa andaina ao percorrer camiños que xa andaron os seus devanceiros como consecuencia dun desencontro que custou unha guerra na que, querendo ou non estar nela, participaron deixando para a miña xeración unha nación destrozada e unha poboación esfameada na que era imposible dicilo, de non querer pasar ao cárcere e as consecuencias que isto implicaba.
Concordo coa necesidade de que a xuventude se faga preguntas. Son moitas as que aínda están sen resposta. A esta non se chega pola vía da violencia, mais tampouco pola da calada por resposta (e menos se esa calada é obrigada, como o era no franquismo).
Preguntade, polo tanto; mantede esa responsabilidade colectiva e a convivencia. Son os mellores vieiros para chegar a onde todos aspiramos.
…


