
O Concello de Rianxo, a través do alcalde Julián Bustelo, confirmou a adxudicación da obra de rehabilitación dos baixos das denominadas Casas dos Mestres, na vila rianxeira, coa finalidade de reconvertelos en locais sociais.
O rexedor informou de que “unha vez executadas as obras teremos catro novos locais, de uns 50 metros cadrados cada un e dotados de cadanseu baño, para uso e desfrute dos veciños e veciñas”.
A actuación conta cun investimento de 273.970,10€ e finánciase con cargo ao programa POS+ da Deputación da Coruña.
Como lembraremos, as Casas dos Mestres de Rianxo foron convertidas hai uns seis anos en fogares para xente en risco de exclusión. Trátase de oito vivendas nas antigas residencias docentes destinadas a alugueiro en condicións vantaxosas. A rehabilitación e posta a disposición da cidadanía das vivendas completarase agora coa recuperación dos baixos.



