A Deputación da Coruña aproba un orzamento récord de case 294 millóns e eleva a 92 millóns o Plan Único de 2027

27 Novembro 2026

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe os orzamentos provinciais de 2027, que ascenden a 293.995.000 euros, “a cifra máis alta da historia da institución”, segundo sinalou o presidente, Valentín González Formoso. O orzamento contou cos votos a favor de PSdeG-PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do PP.

Sinalou tamén que as contas medran en 37.445.000 euros respecto das iniciais de 2026, un 14,6 %, e “reforzan o financiamento dos 93 concellos da provincia”.

Ademais, o principal programa de investimentos, o Plan Único, arrinca 2027 con 92 millóns de euros, catro millóns máis que este ano, “para que cada concello poida atender as obras e os servizos que considere prioritarios”.

O presidente provincial engadiu que o incremento das transferencias correntes do Estado, que medran en 31,94 millóns de euros, explica a maior parte da suba do orzamento.

A maiores, fontes da Deputación salientaron que “coma en todos os exercicios anteriores dos gobernos presididos por Formoso, a Administración provincial mantén a  débeda cero e financiará as actuacións previstas en 2027 sen recorrer a préstamos”.

Así o explicou o deputado de Economía (PSOE),  José Ramón Rioboo, que lembrou que “cando chegamos ao goberno o Plan de Obras e Servizos era de 25 millóns de euros, aos que  se sumaban despois pequenos plans finalistas para facer obras. Nos últimos anos, o Plan Único destinou aos concellos coruñeses 100,5 millóns en 2024, 138 millóns en 2025 e 178 millóns en 2026, cun novo modelo que beneficia todos os concellos e que lles permite decidir en que queren investir os fondos”, afirmou, xustificando tamén o aumento do gasto social da Deputación “para cubrir as crecentes necesidades dos concellos neste ámbito, que a administración que ten as competencias non cubre”.

O portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, incidiu na necesidade de incrementar a partida da área de Vías e Obras. “Hai 2.100 quilómetros de estradas e a partida segue a ser de 32,17 millóns”, afirmou.

A portavoz do BNG, Avia Veira, destacou o cambio que experimentou a Deputación con gobernos progresistas e incidiu en que a filosofía das contas é “que cada euro dos orzamentos chegue aos concellos” e considerou que “as deputacións, mentres existan, teñen que ser un instrumento útil ao servizo dos concellos”, un papel que cumpre a Deputación da Coruña.

O portavoz do PP, Evaristo Ben, criticou “a baixa execución das obras” e a “falta de dirección e estratexia”. Tamén solicitou un plan específico para obras de saneamento e abastecemento de auga nos concellos.

Un Plan Único de 92 millóns que cada concello pode adaptar ás súas necesidades

A principal partida dos Orzamentos é o O POS+2027, que sobre un 4,55%,  pasando dos 88 millóns iniciais de 2026 aos 92 millóns de 2027. A dotación reúne 51 millóns consignados nas contas do novo exercicio, 32 millóns que a Deputación anticipou en 2026 e 9 millóns reservados para o POS+ Social.

Dende a Deputación sinalaron que “coma sempre, esta é unha cifra inicial, que irá incrementándose ao longo do exercicio mediante expedientes de modificación de créditos, con frecuencia duplicando a dotación inicial”. Así, por exemplo, o POS+ 2026, que comezou cun orzamento de 88 millóns remata o ano con 178 millóns de euros transferidos directamente aos concellos para financiar obras, servizos ou gasto social.

Cada concello poderá decidir que parte da súa asignación dedica a obras e que parte precisa para o funcionamento dos servizos municipais. Os que opten por financiar gasto corrente poderán recibir por anticipado o 100 % da cantidade solicitada para esa finalidade, o que lles dará liquidez para facer fronte ás facturas dos servizos básicos.

Máis apoio á axuda no fogar para que as persoas maiores poidan seguir na súa casa

O POS+ Social pasa de 8 a 9 millóns de euros, un 12,5 % máis, e a partida de Servizos Sociais alcanza os 17,31 millóns. Unha das medidas con maior repercusión para os concellos é a suba de 14 a 16 euros da achega provincial por cada hora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A Deputación prevé financiar preto de 400.000horas de atención en 2027.

“A medida responde a unha demanda dos concellos, que afrontan un custo real de entre 22 e 24 euros por hora”, salientaron dende o Executivo provincial, engadindo que o reforzo da atención no domicilio compleméntase co desenvolvemento das Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores nas Pontes, Rianxo e Ordes, pensadas para que quen precise atención residencial poida recibila preto da súa familia e da súa contorna.

O Plan de Emprego Local medra un 7,1 % e reforza o apoio ao emprendemento

Pola súa banda, o Plan de Emprego Local (PEL) contará con 17,53 millóns de euros, fronte aos 16,37 millóns de 2026. O maior incremento corresponde a PEL-Emprende, que suma 1,2 millóns e pasa de 6,73 a 7,93 millóns de euros. As liñas destinadas ás pemes alcanzan os 4,9 millóns e o programa PEL-Concellos contará con 3,62 millóns.

Desde a súa posta en marcha en 2016, o PEL contribuíu á creación de 9.033 empregos, apoiou 3.558 novas empresas e concedeu axudas a 5.405 profesionais autónomos. A Rede Provincial de Coworking conta xa con doce espazos compartidos de traballo repartidos nas distintas comarcas da provincia.

Máis de 22,5 millóns para conservar as estradas provinciais

Os plans provinciais de infraestruturas mobilizarán 32,17 millóns de euros, incluídos cinco millóns anticipados en 2026. A maior partida, 22,55 millóns, destínase á conservación das vías provinciais. Outros 5,24 millóns financiarán investimentos en estradas, 2,86 millóns dedicaranse a sendas peonís e 750.000 euros irán ao plan de estradas que se van transferir aos concellos. En 2027, a Deputación prevé tamén rematar a Vía Verde Compostela–Tambre–Lengüelle, que estará completamente operativa e aberta en todo o seu trazado en primavera, segundo avanzaron dende o Goberno da Deputación, engadindo que con 56 quilómetros de percorrido sobre as antigas vías do ferrocarril, “será a Vía Verde máis longa de Galicia”.

Medran as dotacións de cultura, deporte, educación e igualdade

A dotación de Cultura alcanza os 13,65 millóns de euros, un 8,42 % máis, e a de Deportes sobe ata os 8,57 millóns, un 6,28 % máis. Educación contará con 1,90 millóns de euros e Igualdade con 2,61 millóns. O orzamento tamén eleva a 9,39 millóns os recursos para turismo, comercio e artesanía e a achega ao Consorcio Provincial de Bombeiros, que pasa de 5,5 a 6,07 millóns de euros.

Cadro comparativo das principais áreas

Área ou programa20262027Variación
Orzamento provincial256,55294,00+14,60 %
Plan Único inicial88,0092,00+4,55 %
POS+ Social8,009,00+12,50 %
Servizos Sociais16,7817,31+3,20 %
Plan de Emprego Local16,3717,53+7,10 %
Vías e Obras32,1732,170,00 %
Cultura12,5913,65+8,42 %
Turismo, comercio e artesanía8,099,39+16,13 %
Deportes8,068,57+6,28 %
Consorcio de Bombeiros5,546,08+9,69 %
Desenvolvemento Territorial2,085,40+159,61 %
Igualdade2,482,61+5,40 %
Educación1,731,90+9,78 %

Outros artigos

Publicidade

PEL
PEL

Revista en papel

Opinión

“Una alternativa a las residencias” – Manuel Domínguez

“Una alternativa a las residencias” – Manuel Domínguez

Una alternativa a las residencias. Puede ser la historia de Benito, Matilde, Juan y Ana u otros. Vives solo sin gato, ni perro que te ladre, la soledad de una manera o de otra mata. Tienes piso, o lo tiene el otro, o ninguno, sois amigos desde la infancia, o desde...

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

Cuenta Eduardo Infante en su libro Filosofía en la calle que, mientras explicaba un díala metafísica de Aristóteles en el instituto, advirtió que los alumnos tomaban notas ensus cuadernos. Pero al fondo de la clase estaba una chica sentada junto a una ventanaque no...