
Promover o consumo de proximidade, apoiar aos comerciantes da Praza de Abastos da Pobra e animar á veciñanza a realizar as súas compras de Nadal nos establecementos locais, contribuíndo así a que o gasto destas datas reverta directamente na economía do municipio é o obxectivo da iniciativa Consegue Caramiñas, comparte Nadal que chega un ano máis da man do Concello da Pobra do Caramiñal, a través da Concellaría de Promoción Económica.
A dita campaña de dinamización comercial na Praza de Abastos, que repartirá un total de 2.200 euros en Caramiñas mediante dous sorteos destinados a premiar a clientela e incentivar as compras neste espazo comercial foi presentada pola concelleira de Promoción Económica, Amparo Cerecedo, quen salientou que: “queremos que a Praza de Abastos sexa tamén protagonista do Nadal, que a xente se achegue, descubra todo o que ofrecen os seus postos e aposte polo comercio de proximidade. Apoiar aos nosos comerciantes é apoiar á economía local, pero tamén contribuír a manter vivos os espazos que forman parte da identidade e da vida diaria da Pobra”.
Sinalar que a campaña desenvolverase entre o 1 e o 19 de decembro, ambos os dous incluídos. As persoas que realicen compras na Praza de Abastos recibirán un boleto por cada 10 euros de compra. Os boletos deberán cubrirse cos datos de contacto e depositarse nas urnas habilitadas na propia instalación para participar nos sorteos.
Celebraranse dúas convocatorias, ambas ás 12 horas na Praza de Abastos: a primeira, o 14 de decembro, orientada ás compras para as ceas de Nadal, e a segunda, o 21 de decembro, destinada ás compras para Noitevella.
Cada sorteo contará con sete premios: un primeiro premio de 300 euros en Caramiñas, dous segundos premios de 200 euros cada un e catro terceiros premios de 100 euros cada un. Deste xeito, cada convocatoria distribuirá 1.100 euros, sumando 2.200 euros en premios entre ambas as dúas.
A técnica de Promoción Económica, Sara Sánchez, explica que “a mecánica está pensada para que participar sexa moi sinxelo e para que o incentivo das compras se traduza directamente nun beneficio para os propios postos da Praza. As Caramiñas dos premios terán que gastarse aquí, nos produtos destinados ás ceas de Nadal e de Noitevella, polo que conseguimos que o premio reverta no mercado e que a campaña contribúa a dinamizar a actividade comercial nestas datas”. Os vales deberán consumirse na propia Praza de Abastos nos produtos destinados ás ceas correspondentes.
Dende o Concello animan á veciñanza a participar na campaña, realizar as súas compras de Nadal na Praza de Abastos e aproveitar esta oportunidade para conseguir Caramiñas e compartir o Nadal apoiando o comercio local.






