O Concello de Noia prosegue a súa actividade nas parroquias, mellorando servizos básicos, e os días pasados iniciou os traballos para ampliar a rede de saneamento en Sueiro, na parroquia de Argalo. A intervención achegará ás veciñas e veciños 100 metros de canalizacións.
A semana pasada, a brigada municipal de obras levou a cabo os traballos de ampliación da rede de saneamento en Sueiro, permitindo seguir estendendo este servizo básico e facilitando a súa chegada a máis vivendas.
A groso da rede de saneamento de Sueiro data de 2019, cando o Concello realizara un investimento de case 48.000 euros para acometela. Amais da propia rede instaláronse colectores de augas residuais e pozos de rexistro e renovouse o firme. Agora o equipo actual de Goberno decidiu ampliar a rede con outros 100 metros de canalizacións para abranguer o máximo de vivendas do núcleo.
Con esta actuación, o Concello de Noia continúa avanzando “na mellora das infraestruturas municipais, atendendo as necesidades da veciñanza e ampliando progresivamente a cobertura dos servizos públicos”.




