Siobhán Armstrong, Su Garrido Pombo e Park Stickney, protagonistas da terceira xornada do Noia Harp Fest

30 Xullo 2026

Tras unha xornada dedicada ao talento emerxente e á experimentación sonora, o 13º Noia Harp Fest abordará este venres 31 de xullo tres propostas moi diversas. O festival moverase por diferentes espazos da vila para amosar as múltiples posibilidades do instrumento: desde a recuperación da arpa gaélica do século XVII ata a canción de autor galega ou mesmo o jazz de referencia internacional. A tríade de directos deste venres 31 serán de entrada libre e de balde ata completar a capacidade dos recintos.

A programación comezará ás 19.00 horas na Igrexa de Santa María A Nova coa actuación da irlandesa Siobhán Armstrong, recoñecida internacionalmente como a maior autoridade na interpretación da arpa histórica gaélica encordada en metal. O seu labor foi esencial para que o instrumento fora declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO. Armstrong fundou a Historical Harp Society of Ireland e toca cunha réplica única da arpa do século XVII do Trinity College de Dublín, tallada nun só bloque de madeira de salgueiro e encordada con fíos de latón e prata, utilizando as unllas para obter o timbre orixinal do instrumento.

Siobhán Armstrong,

A partir das 21.00 horas, a actividade trasladarase ao Teatro Coliseo Noela, unha das sedes centrais do evento, para estrear outra das producións exclusivas desta 13ª edición do Noia Harp Fest: o concerto que a Banda do NHF ofrecerá con Su Garrido Pombo.

A agrupación é unha formación variábel que se crea cada ano arredor do festival, xuntando a docentes, estudantes e intérpretes afeccionados para traballar en conxunto. Nesta ocasión, a Banda do NHF achegarase á obra de Su Garrido Pombo, unha das autoras máis orixinais da música galega das últimas décadas. A propia cantautora interpretará en directo algúns dos seus temas máis coñecidos acompañada por dez arpas, con arranxos escritos expresamente para a ocasión por Rodrigo Romaní nos que dialogan recursos acústicos e electrónicos.

Su Garrido Pombo

Finalmente, contra as 22.00 horas, subirase ao mesmo escenario Park Stickney co seu trío Gustaf, Frederick & Isabel, formado xunto á saxofonista Araxi Karnusian e o baixista Björn Meyer. Formado na Juilliard School e doutorado polo Trinity Laban, Stickney é un dos arpistas máis influíntes do panorama internacional, célebre por revolucionar o papel do instrumento no jazz, ser pioneiro na arpa electroacústica e docente na Royal Academy of Music de Londres. O músico, que actualmente reside en Suíza e compaxina a súa carreira artística co seu labor como bombeiro voluntario, presentará en Noia este proxecto nado en 2015 que combina jazz, rock e música clásica a través de composicións orixinais.

De esquerda a dereita, Park Stickney, Araxi Karnusian e Björn Meyer, o trío Gustaf, Frederick & Isabel

Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebra do 29 de xullo ao 1 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA) e a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española. 

A continuación damos conta da axenda do 31 de xullo:

31.07, 19.00 horas
Igrexa de Santa María A Nova | Siobhán Armstrong

31.07, 21.00 horas
Teatro Coliseo Noela | Banda do Noia Harp Fest con Su Garrido Pombo

31.07, 22.00 horas
Teatro Coliseo Noela | Park Stickney: Gustaf, Frederick & Isabel Trio

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.