
O Concello de Dodro anunciou que o XXXIX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón irá dar á poeta e ensaísta Estíbaliz Espinosa. O xurado composto polas poetas Vanessa Glemsel, Inés Mosquera e Emma Pedreira, xunto co alcalde, Xabier Castro, e o concelleiro de Cultura, Ramón Abuín, do Concello de Dodro, acordou por unanimidade conceder o premio á poeta Estíbaliz Espinosa pola súa obra Osa # M.
Nesta trixésima novena edición do certame concorreron corenta e seis obras candidatas e na acta o tribunal destacou do poemario galardoado o seguinte: “Osa # M crea, nunha obra de arquitectura depurada en catro movementos, unha mitoloxía do coidado e dos coidados. A estrañeza material fronte á natureza do universo, expresada cunha dicción precisa e preciosa, chea de notas musicais. Trátase dun poemario que abala sobre unha tripla capa temática: a música, a ciencia e os coidados que crean un ambiente perfectamente estruturado entre o amniótico, o onírico e o crítico”.

O xurado valorou ademais que estamos ante “unha composición de madurez poética, que transforma todos estes materiais científicos, musicais mitolóxicos e biográficos nunha experiencia lírica de alto impacto, elevando o concepto de maternidade a unha categoría existencial que abrangue a creación, a transformación, a vulnerabilidade e os coidados (resoa o concepto de matrescencia acuñado por Dana Raphael) e dándolle voz a outras maternidades máis esquecidas na produción literaria”. En definitiva enxalzouse o libro como “unha proposta acolledora, envolvente, cunha escrita que conecta diversos e vastos universos que desembocan nunha revelación emocional inesperada”.
Estíbaliz Espinosa Río é poeta, ensaísta, mezzosoprano e astrónoma amadora. Está considerada unha das voces máis potentes e singulares da cultura galega. Froito dunha dilatada traxectoria literaria acumula, nestes últimos trinta anos, numerosos galardóns entre os que destacan: o Premio Esquío de poesía en 1999, por Pan (Libro de ler e desler), o Premio Díaz Xácome de Novos Creadores en 2001, por -orama, o Premio Espiral Maior en 2001, por número e, o XV Premio de poesía Afundación en 2017, por As neuronas irmás, o Premio de Narrativa Curta José Saramago, Concello de Santiago 2009, por Pro videncia, o Premio de Narrativa Curta Modesto R. Figueiredo 2020 por 23 xeitos de nomear unha constelación e o Premio “Luísa Villalta” a proxectos pola Igualdade da Deputación provincial da Coruña, 2019-2020.
Neste ano 2026, coincidindo co corenta aniversario do pasamento do poeta local Eusebio Lorenzo Baleirón, o Concello de Dodro ten previsto realizar a entrega oficial do premio no marco dun amplo programa de actos o sábado, 12 de decembro. A xornada vai comezar ás 11.00 horas no CPI de Dodro cunha mesa sobre a figura de Eusebio Lorenzo Baleirón titulada A sempiterna poesía de Eusebio. Deseguido haberá unha ofrenda floral e homenaxe lírica ao poeta no cemiterio de San Xián de Laíño. Para rematar, ás 17.30 horas, no CPI de Dodro, desenvolverase a presentación do vídeo Eusebio, unha vida curta, unha obra eterna, a dación do Minipremio E. L. B. 2026 e a entrega do XXXIX galardón a Estíbaliz Espinosa.
Osa # M, obra gañadora deste XXXIX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón será publicada no ano 2027, nunha editorial de recoñecido prestixio.




