
A Deputación da Coruña presentou ante os medios e a cidadanía unha nova convocatoria das Residencias Artísticas Mariñán 2027, un programa destinado ao impulso, a investigación e a produción creativa no país. O acto de presentación estivo encabezado pola deputada de Cultura, Natividade González, quen estivo acompañada polas tres figuras encargadas de comisariar as distintas disciplinas desta edición: Aitana Cuétara na modalidade de música, Roberto Abuín na de literatura e pensamento, e Xiana Iglesias na área de creación de contido.
Segundo explicaron, as estadías serán entre os días 8 e 19 de marzo de 2027 e contarán con quendas específicas segundo a disciplina. Na modalidade de música seleccionaranse catro proxectos de bandas ou artistas solistas que traballarán en dúas quendas de seis días cada unha, do 8 ao 13 e do 14 ao 19 de marzo, con dous proxectos por quenda. Na área de literatura e pensamento escolléranse tamén catro propostas que gozarán dunha estadía continua de doce días, do 8 ao 19 de marzo, abarcando calquera expresión literaria ou ámbito de investigación. Pola súa banda, na modalidade de creación de contidos socioculturais en redes sociais seleccionaranse seis proxectos repartidos en dúas quendas de seis días nas mesmas datas, con tres iniciativas por quenda.

O programa, dirixido a persoas maiores de idade residentes en Galicia con proxectos que teñan o galego como lingua principal, cobre o aloxamento en habitación individual en réxime de pensión completa no Pazo de Mariñán, os espazos de traballo, a titoría das persoas comisarias e sesións de formación específica con profesionais convidados. Ademais, a convocatoria inclúe unha dotación económica para cubrir necesidades técnicas da creación de ata 5.000 euros por proxecto no caso de música e de ata 500 euros na área de redes sociais.
Como incentivo engadido no eido musical, un dos proxectos seleccionados poderá continuar a súa residencia no centro Fabra i Coats – Fàbrica de Creació de Barcelona, asumindo a Deputación os gastos de viaxe e manutención.
O prazo para presentar as candidaturas permanecerá aberto desde as 08:00 horas do 1 de decembro ata as 14:00 horas do 30 de decembro de 2026. As persoas ou colectivos interesados deberán formalizar a súa inscrición de xeito exclusivamente telemático a través da Plataforma de tramitación electrónica da Deputación da Coruña (SUBTEL), achegando a memoria descritiva do proxecto, a documentación acreditativa do empadroamento en Galicia e os demais requisitos específicos de cada modalidade recollidos nas bases da convocatoria.
Durante a súa intervención, González destacou “o compromiso firme da institución provincial co tecido cultural galego e coa xeración de contextos favorábeis para que as e os creadores poidan desenvolver os seus proxectos con tempo, recursos e acompañamento profesional”. E engadiu: “As Residencias en Mariñán son moito máis que unha axuda á produción; son un punto de encontro e de diálogo onde a calidade artística e a experimentación atopan un espazo idóneo para medrar nun contorno patrimonial único como é o Pazo de Mariñán”.
Amais, puxo en valor o traballo do equipo de comisariado, subliñando que a incorporación da creación de contido xunto coa música, a literatura e o pensamento “responde á necesidade de acompañar as novas linguaxes e os formatos contemporáneos nos que hoxe se expresa a cultura galega”.
A presenza das persoas comisarias no acto permitiu debullar as liñas mestras e os criterios de cada unha das modalidades convocadas para o vindeiro ano. Aitana Cuétara será a encargada de guiar e supervisar as propostas vinculadas ao ámbito musical, mentres que Roberto Abuín asumirá o comisariado da vertente de literatura e pensamento, fomentando a reflexión crítica e a escrita. Pola súa banda, Xiana Iglesias estará á fronte da modalidade de creación de contido, orientando proxectos que exploran as narrativas dixitais e os novos medios.




