
A alcaldesa de Muros, María Lago (BNG), retiroulle este luns 23 de novembro a Caridad González Cerviño (PSdG) a tenencia de alcaldía e as responsabilidades de Cultura, Turismo e Facenda. A decisión fíxose efectiva mediante tres decretos. A tenencia de alcaldía queda vacante e González Cerviño deixa de percibir a súa retribución e de formar parte da Xunta de Goberno Local.
Estes feitos e a necesidade de aclaralos ante a cidadanía, dende o punto de vista do grupo nacionalista, motivou un comunicado que comeza deste xeito: “Dende o BNG de Muros cremos que os partidos políticos temos a obriga de ser transparentes e de falar con claridade e concisión sobre as cuestións que afectan o día a día da veciñanza”.
Na información o grupo achega polo tanto a súa visión dos feitos detallados que motivaron a presentación da denuncia e “as razóns polas que decidimos retirarlle a confianza política a Caridad González Cerviño”.
Os feitos
O martes 17, María Lago presentou, en calidade de alcaldesa de Muros, unha denuncia ante a Garda Civil polos “danos na porta e polo acceso sen autorización ao seu despacho oficial”. Na denuncia recolleu tamén a posibilidade de que se accedese a información reservada á Alcaldía. A semana pasada, a Garda Civil tomou declaración a Caridad González Cerviño, así como a concelleiros e persoal municipal que se atopaban no Concello o día 16.
“Desde o BNG de Muros consideramos especialmente grave a actuación denunciada. O despacho está asignado á alcaldesa para o exercicio do seu cargo. Alí traballa a diario e garda tamén pertenzas persoais. Nesa dependencia custódiase habitualmente documentación á que Caridad González Cerviño non debería acceder por un posíbel conflito de intereses”, sinala o BNG no comunicado, engadindo que “nos últimos meses houbo dificultades na relación de traballo entre María Lago e Caridad González Cerviño, e dende o noso grupo procuramos sempre o entendemento e ata agora fomos quen de resolver as diferenzas e sacar adiante o programa de goberno”.
Porén, os feitos denunciados cambiaron esa situación, polo que o BNG engade que “como organización que encabeza o Goberno de Muros, a nós tócanos responder ante a veciñanza por quen exerce responsabilidades no Concello. Pola gravidade da actuación denunciada, perdemos a confianza política en Caridad González Cerviño, unha decisión que afecta exclusivamente a ela, de feito a relación entre o BNG e o PSdeG é boa e o pacto de goberno funciona”.
No comunicado indicase que os outros dous integrantes do grupo municipal socialista seguen contando coa confianza dos nacionalistas. E engaden: “Valoramos o seu traballo e queremos seguir contando con eles no goberno. Sería inxusto que a actuación individual dunha concelleira deixase en segundo plano o que levamos feito entre todas e todos ao longo do mandato. O programa que acordamos co PSdeG segue vixente. É un acordo equilibrado que recolle as prioridades das dúas formacións. Cremos que é un bo proxecto para Muros e que paga a pena seguir levándoo á práctica. Esa é a nosa vontade: seguir gobernando xuntas e xuntos para cumprir o que acordamos e o que a veciñanza nos pediu nas urnas”.




