
A Asociación de Empresarios de Ribeira pon en marcha unha nova campaña de Black Friday, que se desenvolverá os próximos venres 27 e sábado 28 de novembro, co obxectivo de “incentivar as compras no comercio local” e “premiar a confianza dos clientes nos establecementos asociados”, segundo informou a AER nun comunicado, engadindo que os clientes que realicen as súas compras nos establecementos socios poderán participar no sorteo de 500 euros en vales de compra, repartidos en cinco premios de 100 euros cada un.
Para participar, deberán subir cadanseus tíckets de compra do venres e sábado na páxina web da asociación, empresariosriveira.com, entrando así no sorteo que se celebrará o luns 30 de novembro.
“Con esta iniciativa”, indicou a AER, “buscamos dinamizar a actividade comercial durante o Black Friday e poñer en valor a importancia do comercio de proximidade”.
Desde a Asociación animan a toda a cidadanía a realizar as súas compras no comercio de Ribeira, “apoiando os establecementos locais e apostando por un modelo de comercio próximo, que contribúe a manter viva a actividade económica e social do municipio”.




