O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, visitou na mañá deste 5 de decembro a praia do Tronco en Rianxo para supervisar os traballos de mantemento e conservación realizados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Estivo acompañado polo alcalde Julián Bustelo, e o voceiro socialista no concello, Óscar Rial, entre outras/os.
Esta actuación forma parte do proxecto global Mantemento e conservación da costa da Coruña, que ten como obxectivo preservar o dominio público marítimo terrestre fronte á acción dos elementos naturais e á presión derivada do uso do litoral. A iniciativa conta cun investimento total preto de 350.000 euros.

Na praia do Tronco, os traballos leváronse a cabo nas últimas semanas e consistiron na demolición das escaleiras de cachotería en mal estado e na desmontaxe da varanda metálica existente, así como na reconstrución manual de novas escaleiras de cachotería e na colocación dunha nova varanda de madeira. Esta actuación específica supuxo un investimento de 30.000€.
Durante a visita, Julio Abalde destacou que “estas pequenas intervencións son fundamentais para garantir a conservación do noso litoral e dar resposta ás necesidades dos concellos, mantendo a seguridade e accesibilidade das praias”, e subliñou o compromiso do Goberno en apoiar aos municipios na preservación do seu patrimonio natural.




