O Dicionario da Real Academia Galega incorpora un cento de voces

14 Novembro 2025

A última actualización do Dicionario da Real Academia Galega suma un cento de voces, segundo fixo saber a Real Academia Galega (RAG), engadindo que estas voces xa se poden consultar no Dicionario en liña da RAG e que entre as novas entradas figuran vocábulos que completan familias de palabras como antiincendios, bucinada, descifraxe / desciframento, estudantado, polifacetismo, parafusería, postergación, posvenda, ludoteca e enoteca e viñoteca, mais tamén voces tradicionais como bochinche, eis, naipelo, pataqueiro, -a, poma ou rianxo.

Tamén expresións como a descomán, sinónima de a desmán, e a sabendas de incorpóranse tamén canda outras voces de máis recente creación ou popularización como autofoto, conurbación, dina, feísmo ou surfear, así como o xentilicio gazano, -a.

Os termos do mundo da ciencia e da investigación conforman outro grupo con presenza nesta actualización, na que se engaden voces como audioloxía, bolboretario / xardín de bolboretas, grampositivo, -a e gramnegativo, -a,  ademais de galeguística.

A RAG engadiu que o Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega traballa de xeito permanente na revisión e actualización do Dicionario en liña da institución e que alén de sumar a esta ferramenta palabras que designan distintas realidades, entre elas os neoloxismos, o equipo que coordina o académico Manuel González préstalle tamén atención ao labor que consiste en completar familias de palabras como as incluídas nesta última actualización.

“Malia que estas parten dunha mesma raíz común para crear distintas voces coa sufixación habitual do galego, a súa incorporación favorece a resolución de dúbidas sobre a súa escrita, en ocasións meramente ortográficas, como sucede con adictivo, que figura entre as novidades e que evita a súa confusión coa forma aditivo, de significado diferente”, explicou a RAG.

O Dicionario da Real Academia Galega, con máis de 58.000 entradas, constitúe unha ferramenta de utilidade para os usuarios e estudosos da nosa lingua.

Na súa constante revisión, os membros do Seminario de Lexicografía teñen en conta, entre outros criterios, as demandas que os usuarios e usuarias fan chegar decote a través da lapela Axúdanos a mellorar. Resultado disto son algunhas das actualizacións máis recentes, como alfombreiro, -a ou auguista, incorporadas o pasado mes de xullo, ou as mencionadas bolboretario e gazano, -a.

Cada mes o Dicionario recibe uns tres millóns de consultas a través da versión web e da súa aplicación, dispoñíbel para Android e iOS.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.