A USC recoñece a Elena Vázquez Abal e o palmeirán Manuel Gago Mariño na primeira edición dos seus premios de divulgación científica

13 Novembro 2025

Elena Vázquez Abal e o palmeirán, Manuel Gago Mariño acaban de ser recoñecidos no marco da primeira edición dos premios á divulgación científica da USC. A profesora da Facultade de Matemáticas impúxose na modalidade dirixida a poñer en valor a traxectoria divulgadora, mentres que o profesor de Ciencias da Comunicación gañou na categoría que recoñece proxectos ou iniciativas que empregan de forma creativa e eficaz as novas plataformas dixitais e os formatos emerxentes para comunicar a ciencia e atraer novos públicos. Os galardóns teñen unha dotación económica de 2.500 euros por cada modalidade e contan co apoio da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia e do xornal La Voz de Galicia.

Sólida traxectoria na divulgación das Matemáticas 

A profesora da USC recibe este galardón en recoñecemento á súa sólida e continuada dedicación á divulgación científica no ámbito das matemáticas. A traxectoria da profesora Vázquez Abal destaca, tal e como destacou o xurado do premio, polo seu rigor e calidade na comunicación científica, conseguindo achegar conceptos complexos da xeometría diferencial e outras áreas matemáticas á sociedade de forma clara, accesible e inspiradora. O seu labor divulgador abrangue múltiples formatos e espazos, desde ciclos de conferencias en bares ata concursos audiovisuais, proxectos educativos e participación activa en iniciativas de comunicación científica financiadas por entidades como a FECYT.

O xurado valorou especialmente o impacto social e educativo das súas actividades, que fomentan o interese pola ciencia entre a mocidade e contribúen á alfabetización científica en contextos formais e informais. A súa implicación en proxectos como o Consultorio VideoMatemático ou MatHex exemplifica a súa capacidade para conectar coa cidadanía e promover o pensamento crítico a través do xogo, a estratexia e a creatividade. Así mesmo, recoñécese a súa influencia positiva na percepción pública da ciencia, especialmente no ámbito da igualdade de xénero e da defensa da diversidade, facendo visible o papel das mulleres na divulgación científica e reivindicando o uso da lingua galega como vehículo de coñecemento. Finalmente, o xurado destacou a súa contribución á formación de novas xeracións de educadores científicos, tanto no ámbito universitario como na educación secundaria, mediante actividades de mentoría, obradoiros e iniciativas de capacitación matemática.

Medios dixitais e narrativas contemporáneas

O xurado tamén acordou conceder o premio na modalidade de divulgación para novas audiencias a Manuel Gago Mariño polo carácter innovador, transversal e transformador da súa actividade divulgadora, orientada a conectar a cultura e a historia galega con públicos diversos a través dos medios dixitais e as narrativas contemporáneas. Este premio é un recoñecemento ao seu destacado uso innovador das ferramentas dixitais e á súa capacidade para conectar con públicos novos alleos ás canles académicas tradicionais.

O xurado valorou o espírito pioneiro co que o profesor Gago desenvolve a súa actividade en cada plataforma, nomeadamente nas redes sociais Facebook, X e Instagram, pero tamén na produción de contido en formato podcast e audiovisual, ou o escrito e interactivo empregando narrativas transmedia, como o relacionado co seu histórico blog ‘Capítulo Cero’, referente da divulgación cultural e arqueolóxica galega. Tamén sobresaen iniciativas como o videoxogo ‘Xogos populares de Galicia’, que combina o ocio co coñecemento do patrimonio inmaterial, ou os proxectos de realidade virtual inmersiva comisariados por el, que ofrecen experiencias innovadoras e inclusivas para o achegamento á historia. A súa comunicación destaca pola inclusión dun deseño visual atractivo, interdisciplinario e accesible que fomenta a participación cidadá e a implicación de públicos amplos e diversos, superando barreiras de especialización e acadando un impacto notable non só na comunidade académica, senón tamén na sociedade galega en xeral.

O xurado subliñou o impacto medible que a súa labor xerou na visibilidade e no compromiso coa ciencia e co patrimonio cultural galego, evidenciado pola súa capacidade para fomentar o interese e a alfabetización cultural e científica entre novos públicos, no emprego de medios innovadores e pola súa participación en múltiples proxectos de difusión con amplo alcance social. Por estas razóns, considerouse a Manuel Gago Mariño merecedor do premio na modalidade de divulgación para novas audiencias, pois o seu traballo integra de maneira exemplar o uso creativo das novas plataformas dixitais, o enfoque inclusivo e interdisciplinario, así como o compromiso efectivo coa visibilización e divulgación da cultura e ciencia galegas.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.