Ribeira, presente na VIII Feira de Turismo do Eixo Atlántico, Expocidades

02 Maio 2025

Este venres 2 de maio inaugurouse na praza da Vila de Sarria a feira Expocidades, a VIII Feira de Turismo do Eixo Atlántico. Vinte e oito concellos e entidades de Galicia e do norte de Portugal reuniranse entre este venres e o domingo, 2 de maio, para amosar o mellor da súa oferta cultural, patrimonial e gastronómica. Durante a fin de semana haberá visitas guiadas, catas de viños, degustacións gastronómicas, concertos, exposicións, obradoiros infantís e exhibicións de artesanía en vivo, entre outras actividades. Ribeira atópase entre as localidades con presenza na feira.

O segundo tenente de alcalde de Ribeira, Francisco Suárez-Puerta, informou que este tipo de formato de feira “promove un turismo de proximidade, familiar, gastronómico, cultural e de calidade”. Suárez-Puerta subscribiu as palabras de Xoán V. Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico na inauguración da feira, na que salientou que “precisamos un turismo gourmet e de calidade que veña a Ribeira a gozar; o que non precisamos son macrofábricas coma a de Altri que poden acabar coa nosa ría e con isto o noso sistema de vida”.

Á xente que se achega ao stand de Ribeira “estáselle entrega de material promocional, sobre todo das nosas festas gastronómicas; do percebe, do polbo e da navalla polas cales preguntan polas datas”. O concelleiro sinalou que “o obxectivo estase cumprindo e que imos ter moita xente que vai vir a gozar das nosas festas gastronómicas grazas a que estamos presentes neste tipo de escaparates que nos permiten posicionar a Ribeira turisticamente como un produto de alto nivel”.

Sarria preparou un extenso programa para animar a fin de semana. Cada día da feira estará dedicado a un ámbito territorial distinto: o venres a Galicia, o sábado a Europa e o domingo a Portugal. Entre os actos destacados están tres visitas guiadas sobre o Camiño Francés, as antigüidades locais e a vida de Matías López, empresario e chocolateiro de Sarria, dirixidas por expertas como Silvia Mondelo. Tamén haberá unha exclusiva cata de viños galegos e portugueses para un grupo reducido de asistentes. A música terá un papel protagonista, con concertos de diversos estilos, incluído un tributo a Abba, a actuación da banda local Louband e o peche a cargo do grupo sarrián Clarisaxos. Para os máis pequenos organizaranse obradoiros de chocolate, maxia e creación de instrumentos con materiais naturais, mentres que os adultos poderán participar nun obradoiro de baile tradicional galego.

O domingo 4 de maio, Sarria renderá homenaxe a Portugal cunha sesión vermú de fados a cargo da cantante Iria Estévez. Ademais, na mesma fin de semana Sarria acollerá eventos deportivos como a Pretorian Race e un rally de coches clásicos organizado polo club Clásic@s Sarria.

Expocidades é unha iniciativa promovida polo Eixo Atlántico que fomenta o turismo de proximidade e o intercambio cultural entre Galicia e o norte de Portugal. Durante tres días, Sarria converterase nun escaparate da riqueza e diversidade do territorio atlántico.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...