
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu demandar hoxe ao Goberno central a transferencia dos recursos necesarios para facer efectiva a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. Durante o acto de presentación dunha nova rede de oficinas para asesorar sobre fondos europeos destinados á cadea mar-industria, Rueda mostrou a súa confianza en que “entre xaneiro e febreiro” Galicia poida comezar a xestionar o seu litoral “de pleno dereito e con todos os medios”.
O presidente lamentou que, malia o acordo acadado entre ambas administracións hai máis dun mes, o Executivo central non teña completado o traspaso de competencias neste ámbito. “Galicia, como a comunidade con máis quilómetros de costa, leva moito tempo combinando a actividade económica coa preservación do medio ambiente. Este ano debe ser o ano do despegue na xestión do litoral”, destacou.
Apoio á cadea mar-industria
Rueda subliñou tamén a relevancia da cadea mar-industria na economía galega, que representa preto do 5% do PIB autonómico, e destacou a posta en marcha da Rede de Oficinas Fempa, enmarcada no Proxecto Es-Mar. Estas oficinas, impulsadas pola Xunta, buscan facilitar ao sector mar-industria o acceso ás oportunidades dos fondos europeos Fempa (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura 2021-2027).
A rede contará con sete oficinas distribuídas en Viveiro, Ferrol, A Coruña, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo, e estará composta por profesionais especializados en contratación pública. O servizo será gratuíto e ofrecerá asesoramento a potenciais beneficiarios dos fondos. “É fundamental aproveitar ao máximo estas axudas para garantir o futuro do sector”, destacou o presidente.

Fondos Fempa 2021-2027
Os fondos europeos Fempa, cun orzamento total de 6.108 millóns de euros, teñen como obxectivos principais promover unha pesca sostible, conservar os recursos biolóxicos mariños, xestionar mares e océanos de forma sostible, mellorar a seguridade alimentaria e fomentar unha economía azul.
España é o principal receptor destes fondos, cun 21,1% do total (1.120 millóns de euros), dos que Galicia percibe máis do 40%. Esta distribución reafirma o papel clave da Comunidade na conservación e desenvolvemento sostible do sector marítimo e pesqueiro.