
A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores, composta por entidades autorais de todo o Estado que representan a case 9.000 escritoras/es e tradutoras/es, expresaron o seu pleno apoio á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega na defensa do escritor e activista ribeirán Carlos Callón (Castiñeiras, 1978) ante os ataques á súa persoa e a unha das súas obras nas redes sociais galegas.
A Conferencia fai súa a actitude da AELG, debido “á gravidade das ameazas”, nas que se manifesta, entre outras cousas, que o seu ensaio Vidas e Historias LGBT da Idade Media non poderá ser presentado.
A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores manifesta o seu apoio ao acto creativo e tamén ás achegas realizadas para a análise da diversidade e as identidades de xénero. “Os posíbeis desacordos nunca poden conter ameazas, e as opinións diversas nunca poden buscar o silencio e a uniformidade”, sinala a CAEE, engadindo que “a liberdade de expresión e de creación é un ben esencial das sociedades democráticas e está consagrada no artigo 20 da Constitución actual” e que “a celebración das diversidades e das identidades disidentes é algo que fortalece os nosos sistemas literarios”. Apunta a conferencia no seu comunicado que “o achegamento á historia, intentando iluminar o esquecido, o oculto e o prohibido, será sempre motivo de alegría e debate para as nosas letras”. E conclúe: “Desde a Conferencia saudamos un texto que quere investigar a diversidade e a identidade de xénero na historia e expresamos a nosa máis rotunda condena a quen buscan o silencio e o medo como instrumentos de debate, facendo uso da confrontación, a descualificación e o acoso”.
Fan parte da Conferencia as seguintes entidades:
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Asociación de Escritores de Euskadi – Euskadito Idazleen Elkartea (AEE-EIE), Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX), Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC), Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM), Asociación Navarra de Escritores/as – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE), Sociedad Cántabra de Escritores (SCE), Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE), Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA), Asociación Riojana de Escritores (ARE), Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC).
Como lembraremos, o novo libro de Carlos Callón (Vidas e historias LGBT da Idade Media) foi presentado a semana pasada na Libraría Couceiro de Santiago, que se viu ateigada de público e cuxo desenvolvemento non puido ser impedido malia as ameazas repetidas nas redes que apuntaban á súa cancelación.




