Malia as ameazas nas redes, a Libraría Couceiro de Santiago ateigouse de público para asistir á presentación do novo libro de Carlos Callón

24 Xaneiro 2025
Carlos Callón en Couceiro nunha imaxe de Manuel Nóvoa

Este xoves 23 de xaneiro a Libraría Couceiro de Santiago viuse practicamente sobrepasada de público para asistir á presentación do novo libro do noso escritor Carlos Callón (Castiñeiras, Ribeira, 1978), Vidas e historias LGBT da Idade Media, unha obra publicada por Edicións Xerais que xerou mancheas de parabéns pero, tamén, críticas intolerantes polo tratamento independente e reparador dos feitos históricos da Idade Media en Galicia e, tal e como se manifestou nas redes sociais do autor, mesmo agresivas, intimidantes e ameazantes.

Porén, tendo en conta a capacidade de convocatoria da presentación e o ambiente de diálogo e amizade finalmente creado, venceu o poder creador e a liberdade, tal e como sinalou o propio autor: “As sombras avanzan no mundo, mais aquí ninguén solta a man de ninguén”. Pola súa banda, Daniela Ferrández, profesora de Historia na USC, sinalou que “por cada ameaza ou insulto hai decenas de persoas dispostas a encher os espazos e alzar a voz para dicir que non imos voltar atrás e que non imos deixar de investigar”.

Ameazas e insultos

Previamente á presentación en Couceiro o libro acumulou insultos e ameazas desde días antes da súa chegada ás rúas. Ademais de fortes inxurias homofóbicas e transfóbicas, producíronse varias intimidacións (en especial, a través da rede social X) advertindo que non permitirían que se realizase ningún acto de presentación. Cando Carlos Callón lembrou estes amedrentamentos e agradeceu a “calorosa presenza” de todas as persoas congregadas, o público respondeu cun forte aplauso.

O autor puxo en diálogo este seu último título co anterior, O libro negro da lingua galega, tamén editado en Xerais. “Aínda que son de temas diferentes, están ligados porque ambos falan de ángulos da diversidade humana, e tamén os unen os ataques recibidos por quen queren que exista unha humanidade clónica, quen senten arrepíos pola pluralidade”, indicou, engadindo que “con todo, fronte a tanta mentira e tanto negacionismo da Historia, cómpre militarmos na defensa dun coñecemento fidedigno do pasado e da convivencia no presente”.

Sinalou que “temos o corazón nun puño por un mundo onde avanzan as sombras, aínda moito máis desde esta semana, mais aquí ninguén solta a man de ninguén”, dixo en canto todo o público se puña de pé e finalizaba o acto de mans dadas. “Mais, ollo, que no planeta se estendan as tebras non quere dicir que isto sexa algo definitivo. A Historia sabe dar tamén boas sorpresas, mais esas sorpresas temos que sachalas. Fagámolo!”, concluíu.

O acto presentouno Daniela Ferrández, profesora de Historia na USC e autora tamén do premiado libro A defunción dos sexos (2022), quen lembrou que “os gardiáns da norma patriarcal obviaron e adulteraron todos estes rastros de diversidade e disidencia, para nos contaren a historia como un bloque monolítico onde só se concibiu un xeito de ser persoa. Dicían que o libro non ía poder nin presentarse, mais por cada ameaza, insulto ou comentario violento hai decenas de persoas dispostas a encher os espazos e alzar a voz para dicir que non imos voltar atrás e non imos deixar de investigar”, sinalou, poñendo o foco na importancia de “defendermos máis que nunca unha investigación libre e sen censura”.

Convidou a que exista un “debate serio, feito desde o respecto e o rigor de coñecer”.

O autor tamén fixo un repaso a algunhas das “vidas e historias” que figuran no libro, como o casamento entre Pedro Díaz e Munio Vandílaz no século XI en Santa María de Ordes (Rairiz de Veiga), nun documento solemne en que unen as súas vidas “todos os días e todas as noites, para sempre”; a lápida descuberta en Taragoña e os motivos que nos levan a pensar que os homes Urso e Rufino que nela aparecen era amantes; a cantiga de amiga modificada polos editores, mudando os pronomes femininos en masculinos para que non se vise que era unha relación lésbica; a información que nos dan as crónicas e as cantigas satíricas sobre o relacionamento que tiveron no século XIII o adiantado maior do reino de Galiza e o adiantado maior do reino de León, ambos enfrontados a Afonso o Sabio; as historias de “santo atrevimento” trans que se copiaban nos conventos de Galiza e Portugal, entre os cales se destaca no libro o caso de santo Esmarado (canonizado no seu momento co nome de nacemento, que era Eufrosina); o caso da parella de mulleres Sancha Pérez e María Leve, que viviron na rúa da Moeda Vella de Santiago de Compostela (e que teñen unha placa no lugar, grazas á petición no seu día realizada polo autor, e que se aprobou en sesión plenaria do Concello), entre outras “vidas e historias que aínda hoxe nos apelan, que aínda hoxe nos explican”.

Outros artigos

Luns 21, tempo seco e as temperaturas estables ou en lixeiro ascenso

Continuamos sen cambios significativos no meteorolóxico. Este luns 21, San Mateo, será unha xornada de marcada estabilidade atmosférica en todo o territorio autonómico. Durante as primeiras horas do día formaranse bancos de néboa en zonas do interior. Non obstante,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.