
Ribeira ampliará os radares pedagóxicos a máis puntos do municipio para mellorar a seguridade na calzada e a protección dos usuarios máis vulnerábeis da vía pública, especialmente, peóns, escolares, persoas maiores e ciclistas, polo que o Concello saca a licitación o subministro e instalación de 10 dispositivos alimentados mediante enerxía solar como medida preventiva para a redución da velocidade de circulación e concienciar así aos condutores sobre o cumprimento dos límites establecidos.

Dende o Concello explican que “estes radares pedagóxicos son de carácter informativo e preventivo que amosan en tempo real a velocidade á que circulan os vehículos, favorecendo a autorregulación do comportamento dos condutores sen finalidade sancionadora”. A súa eficacia, engaden dende o Consistorio, “xa se evidenciou nos colocados na avenida da Coruña”.
A maiores, ao ser equipamentos alimentados co sol, trátase dunha medida que segue os principios da eficiencia enerxética, a sustentabilidade ambiental e a redución dos custes de explotación. O prazo para o subministro dos mesmos será de catro semanas unha vez formalizado o contrato e, posteriormente, será o Concello quen se encargue da súa colocación.
O orzamento da licitación é de 25.559,92 euros, IVE incluído, financiado a través de fondos propios da Administración local. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata as 23.59 horas do 28 de outubro a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).



