Este venres 5 de xullo inaugurouse en Portosín a exposición fotográfica e proxección do documental aMar da artista galega Lorena do Merlo no marco da iniciativa Azul de Portosín.

Este proxecto, financiado cunha achega autonómica a través dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP), ten como obxectivo “visibilizar o traballo dos profesionais do mar e a identidade mariñeira da vila ao redor da pesca do cerco así como difundir a dita marca Azul de Portosín”. Na cita participaron a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e o alcalde Luis Oujo, entre outras personalidades.
A mostra consta de 38 imaxes, tanto en branco e negro como en cor, realizadas cunha cámara Canon Mark IV e unha Canon R6, que recollen con diferentes ópticas o mundo da pesca e o lado humano que hai detrás dos profesionais que protagonizan a actividade pesqueira do municipio. Ademais, conta coa proxección dun documental que aborda os naufraxios dos cerqueiros Divina del Mar e Sempre Güeto acontecido no ano 2021.



