O Concello de Boiro convoca un proceso selectivo para a confección dunha bolsa de emprego ara a contratación laboral temporal de monitores/as de actividades de tempo libre. O Boletín Oficial da Provincia deste venres 26 de abril publica as bases da convocatoria, que tamén se poden consultar na web municipal.
O Concello confirmou que o sistema de acceso será mediante concurso-oposición libre. A categoría profesional será a de subgrupo C2 e os contratos de traballo formalizaranse baixo a modalidade contractual temporal que se considere axeitada para o caso de substitucións e ausencias ou reforzos.
As persoas candidatas deberán cumprir unha serie de requisitos xerais para o acceso ao emprego público como ter a nacionalidade española, ter cumpridos os 18 anos e non exceder a idade de xubilación forzosa, non padecer enfermidade que impida o desenvolvemento das funcións propias do posto, non atoparse incurso en causas de incompatibilidade e non ter sido despedido mediante expediente disciplinario do posto de ningunha administración pública.
Ademais, as persoas aspirantes deberán estar en posesión do título de educación secundaria obrigatoria e ter a consideración de profesionais da educación no tempo libre infantil e xuvenil; certificado de profesionalidade de dinamización de actividades de educación no tempo libre; ou título do sistema educativo que inclúa de forma completa a cualificación profesional de dinamización de actividades de educación no tempo libre.
O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles a contar dende o día seguinte ao da publicación destas bases no BOP. As persoas interesadas en formar parte deste proceso selectivo deberán presentar a documentación no Rexistro Xeral ou na sede electrónica do Concello de Boiro.



