Ribeira acolleu un encontro entre o Conselleiro do Mar a Confraría e a concesionaria da Lonxa de Ribeira

27 Novembro 2023

A lonxa de Ribeira é a primeira de toda Galicia por volume de descargas e a quinta por facturación, representando o 10,32% do negocio nos tres primeiros trimestres do 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo esta tarde unha reunión institucional coa confraría e a empresa concesionaria da lonxa de Ribeira, unha instalación na que o seu departamento investiu, a través de Portos de Galicia, 14 millóns de euros.
Villares, acompañado do presidente do organismo portuario, José Antonio Álvarez, visitou as instalacións da lonxa dun porto de referencia internacional, considerado o maior porto de baixura de Europa. Durante esta visita, o titular de Mar comprobou o funcionamento das instalacións e as demandas dos seus usuarios.
Neste sentido o responsable autonómico afondou nas necesidades do sector profesional ribeirense e nas posibilidades de mellora das condicións de traballo dos profesionais que operan nesta rula. Non en van, lembrou que a actual lonxa de Ribeira foi concibida como unha infraestrutura de vangarda ao primeiro nivel con instalacións e servizos acordes á relevancia do sector portuario de Ribeira.
Finalmente, o conselleiro reseñou que a lonxa, que ten carácter visitable e turístico ademais do uso profesional, conta con equipos tecnolóxicos destacados como o de depuración de auga salgada ou sistemas de control da trazabilidade e de eficiencia operativa e enerxética.
Referente europeo
O porto de Ribeira consolídase como o peirao de baixura máis importante de Europa representando o 23,4% de todos os produtos do mar poxados nas lonxas galegas e o 10,3% do negocio nos tres primeiros trimestres de 2023. Ademais, é a primeira de toda Galicia en canto a descargas e a quinta en facturación só por debaixo das lonxas de Vigo, A Coruña, Burela e Celeiro. A produción nos tres primeiros trimestres de 2023 tivo un incremento do 24% con respecto ao mesmo período de 2022 subindo tamén a facturación o 5,50%, alcanzando os 31,2 millóns de euros.
Recurso Lei do Litoral
O titular do Mar reiterou o incompresible do recurso do Goberno central ante o Tribunal Constitucional contra a Lei do Litoral, unha norma nacida do consenso co propio sector co recoñece como estratéxico. Por ese motivo cualificou a actuación do executivo presidido por Pedro Sánchez como unha falta de respecto ao homes e mulleres do mar de Galicia, xa que mentres se califica de inconstitucional a lei galega estase a formular unha lei de Amnistía que ata fai pouco sinalaban como inconstitucional. Neste sentido criticou que, á vez que negan as competencias da Xunta de Galicia neste ámbito, se recoñezan no caso do País Vasco cando ambos estatutos recoñecen as mesmas competencias.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Radio” – Xulio Xiz

“Radio” – Xulio Xiz

Ter vivido dezasete anos en Radio Popular e dous na Radio Galega, convertéronme en home de radio por riba doutros medios que, se todos imprimen carácter, a radio ten tal personalidade, atractivo, engado, que quen a veza nunca a pode deixa, Nos meus tempos de TVL...

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

“Demasiada realidade”. Xosé Antonio López Silva

Cada vez voume atopando con máis xente que me conta que fixo a escolla de deixarde ler ou de ver noticias. Que buscan emisoras onde haxa só música, ou que evitantelexornais e tertulias de actualidade. Non son persoas desentendidas do mundo. Dinque non poden soportar...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.