Entregados os XIX Premios do Colexio de Arquitectos-COAG. Recoñecen deseños de O Son, Muros e Carnota

25 Setembro 2021

O Colexio de Arquitectos de Galicia celebrou hoxe a Gala da XIX edición dos Premios do Colexio de Arquitectos –Premios COAG–, onde se concederon as distincións ás mellores obras arquitectónicas e urbanísticas das presentadas de Galicia. O acto celebrouse no Pazo Baión, en Vilanova de Arousa (Pontevedra), e consistiu no recoñecemento a todos os profesionais que participaron nos proxectos premiados.
Contou coa intervención da decana do COAG, Elena Ampudia; do presidente da Delegación de Pontevedra do COAG, Anselmo Villanueva; e da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ánxeles Vázquez; e foi clausurado polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones Conde. O evento, ao que tamén asistiron alcaldes da comarca e representantes do mundo cultural e educativo, contou coa colaboración das empresas Porcelanosa Grupo, Pazo Baión- Condes de Albarei, Aluminios Cortizo, Grupo Aluman, San José Constructora, Fundación Arquia, Exlabesa Architecture, Fundación Laboral de la Construcción de Galicia, Rodiñas, Extrugasa, Tejas Verea e Ramírez Construcciones.
Esta gala, presentada pola actriz e presentadora galega Marta Doviro, converteuse nun evento social, que reuniu arredor de douscentos convidados do ámbito da arquitectura galega, ademais de contar coa presenza de personalidades dos eidos da política, a empresa e a cultura de Galicia. Música e diversos espectáculos animaron a
tarde, na que o xornalista galego de TVE Xabier Fortes entrevistou sobre o escenario a César Portela, arquitecto galardoado pola súa dilatada carreira profesional. As distincións –unha figura guerreira en granito do escultor Francisco Pazos deseñada para a ocasión– foron entregadas por persoeiros políticos e membros da Xunta de
Goberno e das Xuntas Directivas das Delegacións do COAG, e por cada categoría proxectouse un vídeo descritivo coas obras finalistas.

O valor da arquitectura galega
A decana do Colexio de Arquitectos de Galicia, Elena Ampudia, deu a benvida aos convidados a uns premios que teñen por obxecto poñer en valor o papel da arquitectura como conformadora do territorio na sociedade galega, unha arquitectura que, segundo indicou, “dá resposta ás necesidades de acubillo, traballo, educación, saúde e entretemento das persoas a través de construcións de calidade, integradas na contorna de forma harmoniosa e sostible desde un punto de vista social e económico”.
Nesta edición, a decana salientou a ampla representación de obras nas categorías de rehabilitación e reforma interior. Tamén destacou en conxunto todas as categorías, onde se atopan traballos de reforma de vivendas que, respectando unha estrutura espacial herdada, dotan ao inmoble de comodidades que proporcionan os estándares de habitabilidade actuais; rehabilitacións de edificios que conseguen axeitar ás necesidades vixentes espazos existentes sen necesidade de grandes alardes enxeñierís; reformas de estruturas herdadas da crise inmobiliaria que conseguen dotar de uso a eses espazos, ademais de integralos na contorna da cidade; obras de reforma que melloran a eficiencia enerxética dos edificios mantendo as súas características intrínsecas; e intervencións na paisaxe que, con apenas catro elementos, conseguen transformalas e achegalas ao cidadán. “Son unha gran variedade de obras que xiran ao
redor do noso deber de colaborar no mantemento e mellora continua do patrimonio construído, de forma que non sexa necesario seguir crecendo por crecer, dilapidando un ben tan prezado como é o territorio natural” –engadiu–.
En canto á rehabilitación, Ampudia sinalou que é necesaria para adaptar as cidades aos requirimentos da sociedade, non limitando as intervencións ao parque edificado senón ampliándoo ás infraestruturas que lle dan soporte. “É precisa unha política de rehabilitación integral que vaia dende a cidade, vila ou aldea ata o elemento máis pequeno, a vivenda, adecuando os espazos ás novas necesidades que van xerándose, como o envellecemento da poboación, o desenvolvemento tecnolóxico, o turismo de calidade, a redución do uso dos combustibles fósiles, a través dun novo modelo de traballo no que se recuperen as técnicas tradicionais, a racionalidade, a forma de enfrontarnos ao medio físico e o sentido común” –argumentou–.

Outro elemento destacado no seu discurso foi a sostibilidade, asegurando que “a boa arquitectura é e foi sempre sostible”, xa que, segundo explicou, construír de forma sostible non é máis que construír de forma lóxica, adaptada ao lugar e cos medios materiais estritamente necesarios para proporcionar benestar ás persoas.
Ademais de celebrar o bo facer dos arquitectos galegos, a Decana apuntou, nun contexto máis amplo, que a profesión precisa da axuda e soporte das Administracións Públicas na axilización de licenzas, simplificación administrativa, claridade normativa, así como a eliminación de restricións ao acceso de concursos públicos.
César Portela e os seus colaboradores imprescindibles: “Non recordo facer ningunha obra só”
O Premio á Traxectoria Profesional, entregado pola vogal de Xunta de Goberno, Ana Couto, e o presidente da Delegación de Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia, Anselmo Villanueva, foi para César Portela (Pontevedra, 1937). Elena Ampudia manifestou que Portela é un exemplo de arquitecto cunha obra consolidade
no tempo e que deu unha resposta axeitada ás esixencias do momento. “Hoxe é premiado polo conxunto dunha obra que, desde o local, aspira a dar respostas universais” –subliñou–. Destacou entre as súas obras máis próximas a rehabilitación do propio Pazo de Baión e outras máis afastadas como a ponte Azuma en Xapón.
César Portela agradeceu “de todo corazón” á Xunta de Goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia este premio á súa traxectoria profesional, xunta da que el mesmo foi primeiro secretario na década dos sesenta xunto ao seu gran amigo e primeiro decano do Colexio, Andrés Fernández-Albalat, e posteriormente con Xosé Bar Bóo liderando a entidade, así como con Juan González-Cebrián como presidente naquela época do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España, “tres grandes arquitectos e amigos meus artífices da creación do actual Colexio de Arquitectos de Galicia”. Proseguiu cos agradecementos, neste caso aos seus colaboradores “imprescindibles” no traballo diario de toma de datos, conversión dunha idea en proxecto ou a dirección de obra. “Non recordo facer ningunha obra só. Sempre
tiven o apoio doutro arquitecto ou doutra arquitecta, dun aparellador ou aparelladora, delineantes, ou secretarias, ou xefes ou encargados de obra, sen cuxa colaboración non houbera logrado levar adiante unha sola obra. Con todos eles, algúns aquí presentes e outros non presentes, quero compartir este recoñecemento” –confesou–.
Tamén Portela compartiu cos asistentes un pensamento, explicando que para un arquitecto hai dous tipos de recoñecementos que o poden encher de satisfacción, o que emana dos usuarios das obras, cando mostran o seu agrado por habitar eses espazos proxectados e construídos co fin de que se sintan a gusto habitándoos; e o
segundo, o que provén dos compañeiros de profesión. “Este recoñecemento énchete de orgullo e compénsache das mil e unha batallas que cada día libramos no exercicio do noso traballo, tanto no terreo da ética como da estética, para lograr saír indemne e satisfeito persoal e profesionalmente neste campo minado no que se vén desenvolvendo o exercicio da nosa profesión, e no que en cada hora, cada día ou en cada obra temos que tomar decisións difíciles que esquiven o mal gusto e os intentos de corrupción imperantes, o cal non é tarefa fácil” –manifestou–.
O Colexio de Arquitectos convoca desde o ano 1987 estes premios coa idea de contribuír á difusión e promoción do feito arquitectónico fóra do ámbito estritamente profesional. O obxecto é difundir e fomentar a calidade arquitectónica, o rigor construtivo e a axeitada implantación da obra no territorio. Os Premios COAG recoñecen as mellores obras das presentadas da arquitectura galega, visadas e executadas no ámbito territorial do Colexio de Arquitectos no último bienio, período correspondente a obras acabadas entre o 1 de agosto do 2018 e o 30 de setembro do 2020.

 PREMIADOS DA XIX EDICIÓN DOS PREMIOS COAG

RESIDENCIAL DE NOVA PLANTA. VIVENDA UNIFAMILIAR
 Surf_House
Lugar de Feiro- Miñortos s/n. Porto do Son (A Coruña)
Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo (Dosesmas Arquitectos)

RESIDENCIAL DE NOVA PLANTA. VIVENDA COLECTIVA
 Edificio de 31 vivendas, local comercial e 2 sótanos. Pontevedra
Rúa A Estrada 12, Pontevedra (Pontevedra)
2c arquitectos. Ángel Cid Carballo e Silvia Diz Places

OUTROS EDIFICIOS DE NOVA PLANTA
 Campo de fútbol de A Gandareira. Silleda
A Gandareira, Bandeira. Concello de Silleda (Pontevedra)
Abraham Castro Neira e Carlos A. Pita Abad
Mencións:
 Centro social en Cornido. Carnota
Cornido, Carnota (A Coruña)
Covadonga Carrasco López e Juan Creus Andrade
 Centro de urxencias extrahospitalarias. A Laracha
A Laracha (A Coruña)
Cristina Ezcurra de la Iglesia e Cristina Ouzande Lugo

 OBRAS DE RESTAURACIÓN E REHABILITACIÓN
 Rehabilitación de vivenda unifamiliar en Miraflores. Concello de Muros
Lugar Miraflores, Muros (A Coruña)
Iago Fernández Penedo e Óscar Fuertes Dopico

OBRAS DE INTERIORISMO
 Terraza cuberta en baleiro urbano. Skada Moncloa. Ferrol
Rúa Magdalena, 66. Barrio da Magdalena. Ferrol (A Coruña)
Ramón Montero Cereijo e Carmen Pérez Parapar

ARQUITECTURAS EFÉMERAS E DESEÑO
 Cantos Somos. Tui
Rúa Colón 2. Edificio Francisco Sánchez. Tui (Pontevedra)
Jorge Enríquez Méndez
 Tribuna Pública. Instalación na praza da Fábrica de Tabacos. A Coruña
Praza da Fábrica de Tabacos na Coruña (A Coruña)
Luis Manuel Santalla Blanco, Juan Miguel Salgado Gómez e Alba González Vilar

DESEÑO DE ESPAZOS URBANOS, XARDINERÍA E PAISAXISMO
 Rehabilitación da Praza de Armas en Ferrol
Ferrol (A Coruña)
Carlos Pita Abad
 Urbanización da contorna do Peto de Ánimas de Piñeiro. Gondomar
Piñeiro, Peitieiros. Gondomar (Pontevedra)
Santos Vila González

DIVULGACIÓN E INVESTIGACIÓN
 Arquitectura e ilusión. Proxectar dedde o In-Genius Loci
Óscar Pedrós Fernández
 “Habitar a auga”
Andrés Patiño Eirín

PROXECTO FIN DE CARREIRA
 Centro cultural e de industrias creativas Stadtlagerhaus. Alemaña
Regensburg. Alemaña
Ramón López González

Outros artigos

A Pobra do Caramiñal mostra xa ao Valle-Inclán máis íntimo

A cesión de obxectos persoais e mobiliario do Pazo da Mercé onde residiu o autor, xunto á súa biblioteca persoal, completa a colección do seu museo na localidade coruñesa. O pleno do concello da Pobra do Caramiñal aprobaba esta mesma semana unha corrección de erros...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

“Hacia la España federal”. Xosé Perozo

Si se cumplen las predicciones demoscópicas, el próximo domingo EH Bildu ganará las elecciones en el País Vasco, superando por primera vez al PNV en escaños y en votos. El fenómeno de crecimiento abertzale está rasgando las vestiduras de muchos politólogos y...