“Riveira.Algo máis que fútbol”. Antón Luaces

03 Decembro 2020

Na súa colaboración neste xornal do día 1 de decembro, Jacobo Otero Moraña lembraba aqueles xa lonxanos tempos nos que falar do Barcelona, F. C., era pensar en “Suco” (Andrés Parada Alvite), futbolista que medrou no campo de fútbol de Frións e que, facendo o servizo militar en Ferrol, foi “chamado a filas” no Racing desta cidade departamental. Reenganchou no Valencia e fixo carreira por todo o alto no Barcelona (entre outros clubes). Seu irmán, José Manuel (Suco II e, anteriormente, “Zamorita” ou “Chamora”) tamén optou polo fútbol para se abrir camiño na vida. Militou asimesmo no Rácing de Ferrol, no Celta e no Pontevedra (entre outros). 

“Suco II” foi moito máis ca un futbolista de sona e moi estimado en Riveira. Lembro os tempos nos que, antes de ir á “mili” a Ferrol, facía salto de altura e pértiga no campo (polideportivo descuberto?) do Grupo Escolar Francisco Franco e o Frente de Juventudes local, sempre aberto para todos. José Manuel Parada, daquela “Zamorita”, foi un bo saltador de pértiga, cando esta era nas “instalacións”anteditas de eucalipto. E aínda así superaba con facilidade o “listón” -unha corda con dúas pedras atadas nos extremos-  situado a altura de case dous metros.
Antes ca eles, foi Tucho Sampedro -de familia de armadores de pesca ben coñecida en Riveira- quen levou o nome desta cidade polos campos de fútbol de España como xogador do Celta de Vigo. E seica Ignacio González (a quen non coñecín) fixo máis ou menos o mesmo.
No equipo local tiñan sona os irmáns Abelleira (das gaseosas do mesmo nome) e o  xa citado, Mito Mirás, etc.
“Suco I”, “Suco II”, Tucho Sampedro e Ignacio González foron os catro magníficos de fútbol riveirense, antes da aparición -tamén no vello campo de fútbol de Frións- dos irmáns González: José Ramón e Fran, case toda a vida enrolados no Deportivo da Coruña onde Fran, especialmente, saboreou os meles do triunfo en Liga e Copa de España ao tempo que o facía na Champions.
Pero Riveira foi algo máis que fútbol: foi baloncesto (había unha “cancha” de terra pìsada na parte posterior do edificio do Frente de Juventudes (que rematou sendo sede da Policía Nacional e Comisaría local), con taboleiro de madeira,  onde moitos xoves adestrabamos para competir en torneos comarcais e campionatos provinciais con nomes como Moncho e Juanito Ventoso (irmáns, con Juan como gran porteiro de balonmán), Manuel, Gabriel e Ángel Cuesta (tamén irmáns, con veciñanza en Carreira), os asimesmo irmáns Ferrer (Ricardo e Rufino, fillos do farmacéutico Emilio Ferrer e a daquela directora do Grupo Escolar xa citado, María Dolores Jaureguízar Isasi; Domingos (alcumado “Paxariño”), ex-profesor e director no Instituto Náutico-Pesqueiro; “Quito” e Manolo Bande (“Os da Cuba”), grandísimos porteiros de balonmán (“Quito” fóino tamén do Atlético Riveira); o tristemente finado Toño Sarasquete (fillo de Lucrecio); Pepe Gude (“O Zurdo”); meu irmán Pepín (que xogaba máis e mellor ao fútbol e que non o facía mal no balonmán, a quen os amigos lle fixeran unha copla que dicía “El extremo izquierdo es un bailarín, tira bombeado y le llaman Pepín), Juan José.. Fernando Llovo Pérez, que foi un gran lanzador de peso malia non querer competir nunca; Tucho “O Manilo”, un bo lanzador de xavelina; José Luis Martínez, fillo dun dos irmáns que deron pulo ós motores HMR, un gran saltador xuvenil de lonxitude…
Houbo un momento, a principios dos anos 60, nos que se tentou formar un equipo de balonmán feminino do que fora porteira Marita Bello (do hotel Moderno, filla do exalcalde de Riveira Pepe Bello), María de los Ángeles Cores, Mari Bouzas, etc., pero a idea non coallou. Unha mágoa.
Son nomes que quedan na memoria (outros hai pero non lembro deles) e que, de dar continuidade á súa afección, seguramente xustificarían moito os grandísimos avances acadados en Riveira por deportistas internacionais que poñen a esta cidade na elite mundial.
Todo isto provocou o relato de Jacobo Otero Moraña, a quen leo -ao igual que outras colaboracións- nas páxinas deste xornal dixital que, en  boa hora, voa só coma unha carrula na ría.

Outros artigos

“25 abril III. Santarém”. Manuel Dominguez

Saímos de Lisboa e rumamos para o berço, a fonte, onde o destino fez chegar aqui onde a memória está presente. “Meus senhores, como todos sabemos, existem diferentes tipos de Estado. Os estados socialistas, os estados capitalistas e o estado a que nos referimos....

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Rebélate, pois, se tés vontade. Fala, sente”. Antón Luaces

“Rebélate, pois, se tés vontade. Fala, sente”. Antón Luaces

A frase non é -que máis quixera!- da miña autoría. Pertence ao escritor monfortino Lois Diéguez, quen na contracuberta da súa obra "As voces amadas" (publicada o ano pasado) dí: "... eu non son así, eu non son un móbil nin máquina ningunha. Rebélate, pois, se tes...

“25 abril medio siglo de historia II”. Manuel Dominguez

“25 abril medio siglo de historia II”. Manuel Dominguez

El sol acaricia suavemente los cristales de la ventana, las cortinas dejan pasar un hermoso rayo de luz, llego la hora. La plaza del comercio, donde se celebrarán los actos conmemorativos, allí haciendo las líneas de un cuadrado el pueblo portugués espera, espera para...