Desembarca en Noia a mostra sobre a realidade de autismo impulsada por Amicos

29 Abril 2024

A mostra informativa sobre o autismo de Amicos continúa a súa marcha pola contorna. E este luns, 29 de abril, fixo unha parada na praza do Concello de Noia, onde a veciñanza poderá desfrutar ata o domingo 5 de maio dos tres tótems que a compoñen. Para darlle a benvida, a praza acolleu un acto de benvida no que participaron o alcalde do concello, José Santiago Freire, e as concelleiras de Relacións Veciñais e Xuventude, Beatriz Rosende e Laura Salgado, así como alumnado do colexio CEIP Felipe de Castro. Marco, un dos alumnos deste centro, é o protagonista da historia real que acompañou a chegada a Noia da exposición, poñéndolle nome á realidade do autismo.

O acto de benvida estivo marcado pola inclusión e a diversión. Comezou cunhas palabras de Digna Iglesias, vicepresidenta de Amicos, e a lectura do manifesto de voz dos peques de Oleiros. Nel volveron reivindicar que “con ou sen autismo, todos somos iguais e á vez moi especiais”. O encargado de pechar esta primeira parte foi o rexedor noiés. Freire quixo destacar a importancia da concienciación e a inclusión, así como “de recoñecer o traballo de entidades como Amicos, o gran labor que fan para que persoas con TEA poidan sentirse integradas, seguir avanzando e amosarnos as súas diferentes capacidades”.

A continuación desenvolveuse o xogo de palabras do TEA, un xogo conducido por Erik, alumno do CEEPR de Amicos, e Javier, usuario do Centro de Día da asociación. A través del, as persoas participantes puideron afondar en termos relacionados co autismo. Nel participou tanto a cativada do colexio de Educación Especial de Oleiros como do 5º curso do noiés CEIP Felipe de Castro.

Autismo na nenez: a opción da escolaridade combinada

Segundo explicou a asociación, o TEA é unha realidade para un gran número de escolares, e a modalidade de escolarización combinada é o día a día de moitos nenos e nenas con necesidades especiais que ven nesta opción a mellor alternativa para avanzar na consecución dos seus obxectivos de desenvolvemento, poñendo especial atención aos ámbitos nos que requiren un esforzo máis concentrado.

Este é o caso de Marco, un neno noiés con TEA, no que o traballo conxunto no CEIP Felipe de Castro e no CEEPR Amicos posibilitou que, como relatou o orientador do colexio de referencia, Manuel Pacheco, “estea ben e contento, autónomo e integrado”. Lembrou tamén que a modalidade de escolaridade combinada dáse entre centros de educación especial e centros ordinarios, e consiste en compaxinar a asistencia a ambos centros. Está dirixida “a nenos que necesitan unha intervención moi específica, que ás veces non lles podemos facilitar en colexios ordinarios por horario, grupos de traballo… No caso de Marco, co que traballamos aspectos como a autonomía, os tempos de espera… consideramos que se pode avanzar mellor nun centro como o de Amicos”. A petición desta modalidade parte do colexio de referencia. O proceso comeza cunha reunión entre o equipo directivo do centro, os profesores e o orientador. Nela valoran se unha combinada pode resultar beneficiosa para o/a menor, e no caso de que así sexa, chega o momento de reunirse coa familia e explicarlles en que consiste, e ofrecerlle que visiten varios centros da contorna para estudar cal é o que máis se adapta ás súas necesidades.

Manuel Pacheco explicou que “no caso de Marco foi moi ben. A familia xa estaba de acordo e xa o tiñan eles un pouco pensado”. Unha vez decidido o centro, o seguinte paso é a intervención do equipo de orientación específica da Xunta de Galicia, que é o encargado de xerar o ditame de escolarización. Este documento é o que recolle os días que o cativo/a acudirá a cada centro. “Hai moitísimos nenos en coles con necesidades educativas especiais que non necesitan combinada, é necesario estudar cada caso”, sinalou Manuel, engadindo que “deste xeito comeza o traballo coordinado entre os dous centros”.

Nuria Fernández, coordinadora do CEEPR Amicos explicou que o maior beneficio que lle aporta o seu paso polo seu centro “é a cantidade de horas nas que ten un apoio individualizado e exclusivo para el, algo que nos coles de referencia é imposíbel pola ratio de nenos; así como a variedade de profesionais que teñen á súa disposición. No seu caso concreto, ten sesións coa pedagoga, psicóloga, logopeda e coa súa titora”.

Marco traballa coa súa titora Nerea Castro, “a adquisición da lectoescritura, operacións matemáticas e tarefas que axuden a fortalecer a súa atención, concentración, memoria e a capacidade de razoar”. Tamén reforza a súa expresión oral e comprensión, insistindo en que se comunique con frases completas á hora de expresar as súas necesidades e peticións.

Mentres, como conta Marta González, psicóloga do CEEPR “as sesións de psicoloxía céntranse en recoñecer as diferentes emocións, condutas adecuadas e inadecuadas, e reforzar o contido que traballa coa súa profesora” ademais da autonomía en situacións cotiás. Todo isto compleméntase cun traballo no colexio de referencia, onde non só se traballan habilidades comunicativas e curriculares, “Marco tamén conta con varias sesións semanais con Rocío, a súa APT e persoa de referencia no centro”.

Marta fai un balance moi positivo, posto que no tempo que Marco leva acudindo a ambos colexios, “mellorou en tódolos aspectos do seu desenvolvemento. Esta atención individualizada influíu en que mellorase a súa capacidade de atención e concentración, o que o permitiu avanzar na súa lectura, escritura e na realización de tarefas máis complexas. E a súa expresión, comprensión e interacción social segue mellorando de forma moi positiva.

Nuria Fernández, coordinadora do CEEPR de Amicos explica que “hai casos nos que se modifica o número de días que veñen, vendo que estar en peques os beneficia decídese ampliar os días e, unha vez alcanzados os obxectivos propostos tanto dende o noso centro como dende o centro de referencia decídese volver a reducir. É vital o acordo da familia, eles son os que teñen a última palabra de se aceptan ou non”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Último abril”. Olegario Sampedro

“Último abril”. Olegario Sampedro

“Último de abril, primero de mayo. Que entre el bueno y salga el malo”. Este era el popularadagio al que, cada 30 de abril, se recurría para bendecir las casas. Provistos con una rama detojo empapada en agua bendita, la gente santificaba sus hogares con el propósito...

“A crise nos nenos” – José Manuel Pena

“A crise nos nenos” – José Manuel Pena

A parella está sen traballo e unicamente perciben pouco máis de 600 euros mensuais. Teñen dúas nenas de 4 e 6 anos. A pasada semana comeron pasta e arroz porque non dispoñían de diñeiro e a prestación non entra, no caderno do banco, ata o día dez de cada mes. Desde...