O novo CEIP de Portosín levantaríase nun emprazamento próximo ao centro da vila

O CEIP de Portosín actual ocupa un lugar de gran importancia ambiental na praia de Coira

Segue a dar pasos a recuperación ambiental e paisaxística da praia de Coira, un proceso que collerá impulso definitivo, en boa medida, cun novo emprazamento para o CEIP de Portosín, localizado a escasa distancia do areal e ocupando dominio público marítimo-terrestre.

Segundo fixo saber estes días o Concello, cada vez está máis preto o inicio do proxecto de traslado, e así quedou de manifesto durante a xuntanza recente do rexedor Luis Oujo co xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Rafael Eimil, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. Nesa reunión o Concello comprometeuse a buscar un novo emprazamento alternativo para o Colexio de Primaria. O rexedor fixo saber que xa se conta cunha bolsa de terreo para o erguemento do novo edificio. Estaría situado nuns terreos rústicos localizados preto do centro urbano de Portosín.

Por outra banda, a Demarcación de Costas de Galicia confirmou que os trámites do proxecto de demolición do inmóbel xa están avanzados, así como o proxecto para a recuperación ambiental da contorna na que se levanta. En breve contratase o proxecto de derrube e rexeneración dun espazo natural de gran valor.