
Os alcaldes de Porto do Son e Outes, Luis Oujo e Francisco Calo, xunto con membros dos seus respectivos equipos de goberno, participaron onte na presentación do novo proxecto de residencias de maiores da Xunta de Galicia, celebrada en San Cibrao de Viñas, Ourense, un acto presidido polo titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, que debullou detalles dun programa que, dixo, permitirá crear máis de 1.800 novas prazas en 25 centros.
Na súa intervención, e na que tamén estivo presente a Conselleira de Política Social, Fabiola García, Rueda apostou pola colaboración entre administracións para “cumprir cunha obriga que temos todos” e mellorar os servizos que se ofrecen aos/ás cidadáns “en calquera lugar de Galicia”. Tamén salientou que “esta iniciativa busca reforzar a rede de atención ás persoas maiores para que poidan elixir como e onde pasar esta etapa das súas vidas, coidando así “ás persoas que nos coidaron”.
En concreto, na provincia da Coruña as novas residencias situaranse nos seguintes ámbitos: na zona Noia/Barbanza, o centro principal estaría no concello do Porto do Son e o de menor tamaño en Outes.
Tralo anuncio, o alcalde de O Porto do Son, Luis Oujo, agradeceu “a disposición da Xunta para poder facer realidade unha gran demanda” e destacou que “para o bo ou para o malo, a poboación cada vez está máis envellecida e agora hai moita necesidade deste tipo de instalacións”.
O Concello do Porto do Son dispón dun terreo público de 14.000 metros cadrados situado fronte ao centro de día, “que está entre Portosín e O Porto do Son, preto da estrada principal”, sinalou o rexedor sonense, engadindo que “ten unha localización espectacular, queda ao carón da praia da Aguieira, que é un sitio estupendo para pasear por aí coas pasarelas ou ir ata o areal”, destacou.
Para rematar, Oujo recoñeceu que “como alcalde, levo moito tempo recollendo as peticións da veciñanza máis maior que sempre pide contar cunha residencia aquí para non ter que irse fóra e agora, con este proxecto, está máis preto de ser unha realidade”.
En Outes
O Goberno local de Outes formalizou tamén a súa adhesión oficial ao novo proxecto de atención aos maiores aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, un trámite necesario para iniciar as actuacións e os procedementos administrativos necesarios. Esta adhesión ratificou a elección de Outes como un dos municipios de referencia na zona de Noia e Barbanza para albergar este servizo asistencial de proximidade.
Fontes do Concello explicaron que “grazas á planificación urbanística previa e á xestión previsora do Goberno local na reserva de parcelas operativas, Outes xa dispón do solo necesario para cumprir de forma inmediata cos prazos de posta a disposición dos terreos esixidos pola administración autonómica; e este factor resulta clave para evitar atrasos e axilizar o inicio das obras”.
O Concello engadiu que “o proxecto destaca polo seu marcado carácter social, xa que o plan autonómico establece que, como mínimo, o 60% das prazas do novo centro residencial serán de titularidade pública autonómica”.
Ademais de garantir un coidado de calidade e proximidade para os maiores, a construción e posta en marcha desta infraestrutura “actuará como un importante motor de dinamización económica para Outes, xerando emprego directo e indirecto e fixando poboación no territorio”, apuntaron dende o Goberno municipal ao tempo que amosaron a súa “máxima satisfacción” ante a formalización deste logro estratéxico, que supón, nas súas palabras, “un avance histórico no reforzo do benestar social e da estrutura de servizos públicos do concello”.



