
O Concello de Boiro, a través da área de Deportes, vén de comunicar a suspensión e modificación das actividades deportivas municipais que, “debido ás medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica e pautadas pola Consellería de Sanidade”, non se poden desenvolver tal e como se viña realizando, explicou o departamento de Deportes, engadindo que as modalidades afectadas de xeito temporal (e durante o período de vixencia da dita orde) son a ximnasia para xubilados, os bailes de salón, o proxecto Boiro Actívate e o atletismo.
Polo que respecta á Escola Deportiva de Xadrez seguirá cos mesmos horarios establecidos e vaise distribuír aos participantes en varias aulas distintas da Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro.
A Escola Deportiva Municipal de tenis, tanto de persoas adultas como de nenos e nenas, vai continuar pero con clases limitadas, e cada participante “só vai poder asistir a unha das dúas clases semanais, garantindo así o límite máximo de 5 persoas por aula”, explicou o Concello, engadindo que “serán os propios monitores os que organicen os grupos e días asignados para cada alumno ou alumna”.
En canto ás demais actividades das Escolas Deportivas Municipais non se verán afectadas por suspensións ou modificacións por parte do servizo de municipal de Deportes, ao ser actividades federadas, polo que serán os propios clubs e federacións os que determinen as restricións.