
Os Concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra do Caramiñal comezaron unha nova edición do Programa Integrado de Emprego (PIE) para o curso 2026/2027. Trátase dunha iniciativa formativa destinada a cen persoas desempregadas da comarca que busca, segundo confirmaron os tres concellos, “aumentar a empregabilidade da zona”.
Engaden que este programa formativo está “baseado nunha metodoloxía innovadora onde as persoas usuarias son protagonistas da súa propia transición profesional con formación innovadora, emprego de tecnoloxías e plataformas dixitais, colaboración directa con empresas e adaptación do programa a necesidades locais e sectores da comarca”.
Para este novo curso realizouse unha renovación de moitos dos programas formativos co obxectivo de adaptarse ás novas necesidades e demandas das empresas da zona.
Nesta edición inclúense formacións centradas na tenda virtual Prestashop, no desenvolvemento de proxectos (project management), nas técnicas básicas de primeiros auxilios ou saúde, na nutrición e na dietética.
Ademais mantéñense outras formacións directamente vinculadas aos sectores produtivos da comarca como peixería ou chacinería, manexo de carretilla elevadora, competencias dixitais básicas, seguridade alimentaria, manipulación e control de alimentos, monitor de tempo libre…
Este programa está destinado a persoas desempregadas con discapacidade, en risco de exclusión social beneficiarias de RISGA, vítimas de violencia de xénero, migrantes, maiores de 52 anos, menores de 30 anos, beneficiarias da renda de inclusión social, perceptoras de prestacións por desemprego ou renda activa, desempregadas a consecuencia dun expediente de regularización de emprego, mulleres ou persoas desempregadas de longa duración e ten un obxectivo de inserción do 42% das persoas participantes.
O programa terá unha duración de 12 meses e nel poderán participar 100 persoas desempregadas da comarca que estean inscritas como demandantes de emprego. A formación contará con prácticas en empresa e, para facilitar a participación na formación, disporase dunha bolsa de asistencia de 10 euros por día, ademais de medidas de conciliación tales como a derivación aos recursos municipais de conciliación, de flexibilización e de adaptación horaria, formación en modalidade flexíbel e sala de lactación e maternidade.

As inscricións para participar no Programa Integrado de Emprego 2026/2027 están xa abertas e toda a información dispoñible de xeito presencial no Centro de Formación, Innovación, Emprego e Emprendemento, mediante o enderezo electrónico emprego@boiro.gal ou os teléfonos 659 247 963 e 650 042 409 ou nos departamentos de Orientación Laboral dos concellos.
O Programa Integrado de Emprego do Concello de Boiro, Rianxo e A Pobra do Caramiñal 2026/27 está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, con fondos finalistas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).



