
O Concello de Boiro proxecta a rehabilitación integral por fases do terceiro bloque das vivendas dos mestres de praia Xardín para destinalo a Hub da mocidade. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Política Social, Raúl Treus, presentaron o proxecto.
Segundo explicaron, trátase “dun espazo no que poder convivir, aprender, estudar e traballar en común destinado á xuventude boirense”.
O alcalde sinalou que “detectamos que a rapazada de entre os 13 e os 17 anos non dispón no municipio de lugares aos que ir que concorden coa súas necesidades e intereses”.
O orzamento total do proxecto ascende a 1.238.574,19 euros e con el pretendese unha rehabilitación integral tanto exterior como interior para conseguir distintos espazos para xogos, traballo ou sala de cine para o uso e desfrute da mocidade.
O inmóbel, de tres plantas, contará con rocódromo, sala de xogos e zona de billar, aulas de traballo e salas para traballos colectivos así como sala de cine e zonas de descanso.
Con este proxecto complétase a posta en valor das antigas vivendas dos mestres de Praia Xardín nas que tamén está proxectado un centro de día e apartamentos de respiro familiar mediante o proxecto AGADEA Hábitar que a Asociación Galega de Axuda aos Enfermos de Alzhéimer está a levar a cabo nun dos inmóbeis; así como as vivendas tuteladas para persoas con discapacidade que Ámbar, asociación inclusiva do Barbanza, está a habilitar no segundo dos edificios.
“Con este terceiro proxecto, para o que agora estamos a buscar o financiamento, completamos a rehabilitación dos inmóbeis que se atopaban en estado de abandono, converténdoos en espazos de uso público e social, dándolle unha segunda vida e humanizando a zona de Praia Xardín”, afirmou o alcalde.



