María Sampedro destaca o posicionamento estratéxico de Ribeira na economía galega a través do sector marítimo

06 Novembro 2026

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou hoxe na presentación do Informe de Conxuntura Económica (ICE) 2025 xunto ao presidente do Club Financiero de Santiago (CFS), Roberto Pereira, e a catedrática de Economía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Bastida; un documento que conta con datos actualizados do municipio, elaborado polo grupo de investigación PRAXIS da USC en colaboración co CFS.

Na súa intervención, a rexedora salientou “o peso da localidade na cadea mar-industria ao contar cun dos principais portos de baixura de toda Europa con tódolos postos de traballo que se xeran de maneira directa e indirecta, ademais de concentrar gran número de fábricas para a transformación dos recursos”.

En consecuencia, Sampedro apuntou que “Ribeira eríxese como un municipio estratéxico a nivel económico para toda Galicia no sector marítimo”, se ben apuntou como un dos grandes retos a remuda xeracional.

O informe conclúe que Ribeira “conta cunha base produtiva moi sólida, cunha especialización industrial e marítima superior á media galega, pero tamén cunha marxe importante para conseguir que esa actividade se traduza en maiores niveis de renda, emprego cualificado e benestar para a súa poboación” . Así, a industria representa o 18,7% das afiliacións á Seguridade Social no municipio, fronte ao 13,2% do conxunto de Galicia. Ribeira conta, ademais, con máis de 1.900 empresas.

Novas oportunidades

A diagnose propón “aproveitar a especialización marítima e industrial de Ribeira para desenvolver novas actividades e reforzar as capacidades que xa existen”. Para iso, identifícanse seis liñas de actuación: desenvolver produtos e marcas de maior valor, reforzar a tecnoloxía e a I+D aplicada, impulsar a cooperación empresarial, dispor de solo adecuado, mellorar os tempos administrativos e reforzar a formación, emprego e vivenda. A intelixencia artificial atravesa estas liñas como ferramenta para que as pequenas empresas gañen escala.

Lémbrase tamén que o municipio xa conta con iniciativas que apuntan nesta dirección: a liña SOLO de FRINSA, orientada a novos segmentos de alimentación; Ribeira Alga Circular, que explora novas aplicacións das algas, e o Fishing Lab, que achegou á lonxa solucións de sensórica e monitoraxe das artes de pesca.

Tamén se identifica que “sería positivo o futuro parque empresarial de Ribeira, que ocupará 260.000 metros cadrados e que, como indicou a primeira edil, prevese que a Xunta de Galicia o saque a licitación a finais de ano”.

Outras oportunidades identificadas son o turismo de natureza, a gastronomía e o patrimonio mariñeiro, así como a bioeconomía, os novos derivados do mar e a tecnoloxía industrial. Por outro lado, a actividade eólica do Barbanza e a transición enerxética abren oportunidades en servizos auxiliares, mantemento, enxeñería e formación, incluso con perspectivas á eólica mariña. Así mesmo, o talento e as condicións para atraer e reter poboación cualificada son un reto para Ribeira.

A primeira edil manifestou que “quedan cousas por facer para adaptarnos a un horizonte en constante evolución, si, pero é un alivio constatar que imos polo bo camiño. Porque hoxe, máis ca nunca, podemos confirmar que o mar é pasado, presente e tamén garantía

de futuro”.

Pola súa banda, Roberto Pereira destacou a importancia de achegar o coñecemento económico aos municipios e poñer a disposición do tecido empresarial e das administracións ferramentas que permitan identificar os seus principais retos e oportunidades.

Sinalou, así mesmo, o compromiso do Club Financeiro de Santiago coa análise da realidade económica galega e coa promoción de espazos de diálogo e colaboración entre empresas.

Outros artigos

A Xunta concede á praza de abastos de Boiro o seu Mercado Excelente

A Xunta de Galicia concedeu á praza de abastos de Boiro o selo de Mercado Excelente, un distintivo que identifica aquelas instalacións que destacan pola súa modernidade, innovación e dinamización, sen perder a súa autenticidade, tradición e trato personalizado. Así o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

Hai bos xuíces, profesionais e valentes que cumpren coas súas obrigas. Un deles, sen dúbida, é Borja Pérez, titular do Xulgado Número 2 de Ribeira. Dita un auto xudicial polo cal suspende o lanzamento dunha familia vulnerable de Ribeira, en aplicación do novo RDL...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.