
O Bloque Nacionalista Galego volveu criticar este venres 6 de novembro os investimentos autonómicos e os recursos de mantemento mobilizados nos portos do municipio de Ribeira, que considera “claramente insuficientes”. O BNG di que os orzamentos de Portos para 2027 “evidencian a falta de compromiso da Xunta co sector do mar”.

A formación nacionalista criticou que “para un concello que conta cun dos principais portos pesqueiros do Estado e cun dos puntos de descarga de peixe fresco máis importantes da Unión Europea, a previsión de investimento para o vindeiro ano non supere os 20.000 euros”.
A deputada do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, anunciou a presentación dunha iniciativa parlamentaria para “reclamar actuacións nos peiraos de Ribeira e denunciar a situación de abandono que sofren as instalacións portuarias”.
A parlamentaria puxo como exemplo os investimentos previstos nos portos de Aguiño e Palmeira: “No primeiro caso, dunha partida global de catro millóns de euros para mellorar a operatividade, unicamente se consignan 10.000 euros para a anualidade de 2027”, dixo, engadindo que “no porto de Palmeira, onde está prevista unha actuación de urbanización por valor de 1,7 millóns de euros, a cantidade asignada para ese mesmo ano volve ser de apenas 10.000 euros”.
Rosana Pérez engadiu que “a Xunta recortou 3,5 millóns de euros na partida xeral da Consellería do Mar destinada a equipamentos portuarios, que pasa de 9,5 a 6 millóns de euros”, criticou.
A iniciativa do BNG reclama catro medidas concretas:
· “Que Portos de Galiza cumpra a normativa vixente en materia de conservación e mantemento para garantir a seguridade das persoas usuarias”.

· “Que desenvolva e execute, con dotación orzamentaria e un calendario definido, o plan de actuación acordado a comezos de 2025 no Consello Sectorial de Pesca de Ribeira”
· “Que se exima do pagamento das taxas portuarias ás persoas usuarias dos portos nos que non se estean prestando nin garantindo os servizos mínimos”.
· “Que se estableza unha folla de ruta conxunta co Concello e as confrarías para buscar alternativas diante da caída prolongada da actividade de descarga de túnidos no porto de Ribeira”.
Pola súa banda, o ex-alcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, incidiu en que “as cifras dos orzamentos teñen unha tradución directa na vida diaria dos profesionais do mar”.
E engadiu: “Estamos a falar de instalacións que utilizan os mariñeiros todos os días e que presentan deficiencias que ás veces poden supoñer riscos para traballar. As escaleiras de Aguiño están desfeitas, a rampla de Castiñeiras precisa actuacións e as escaleiras de acceso desde as embarcacións ao peirao de Ribeira están nunhas condicións que non ofrecen as garantías”, sinalou.
Barral tamén denunciou a situación do porto comercial de Ribeira, que considera que “está perdendo a súa función como espazo operativo para a descarga de túnidos ao estar sendo utilizado como zona de almacenamento de embarcacións vellas e abandonadas”.
A esta situación súmase, segundo explicou, “a falta de seguridade no peirao”, aludindo a intentos de roubo en embarcacións rexistrados esta semana.
O portavoz nacionalista dixo tamén que “as cámaras de vixilancia levan anos avariadas”.
O ex-rexedor tamén cuestionou que os anuncios realizados pola Xunta non se traduzan en actuacións. Como exemplo, lembrou que “en xaneiro de 2026 se anunciou que a antiga lonxa se poñería a disposición das redeiras do municipio, pero o edificio continúa abandonado e os redeiros á intemperie”.
Esta situación, dixo, “vese agravada polo conflito aberto esta mesma semana coa Festa da Dorna e a súa Confraría, ás que Portos de Galiza reclamou o desaloxo inmediato do local que utilizan nese inmóbel”, engadiu.
E apuntou: “É difícil entender que Portos sexa tan rigoroso á hora de cobrar as taxas portuarias aos mariñeiros e aos establecementos hostaleiros que teñen terrazas no espazo portuario e, pola contra, non teña a mesma dilixencia para manter as instalacións, reparar as infraestruturas ou garantir a seguridade”.
Criticou os obstáculos que, ao seu xuízo, “se están a poñer á actividade económica do sector do mar pero tamén a celebracións profundamente vinculadas á identidade de Ribeira, como a Festa da Dorna”.
Por último, Luís Pérez Barral responsabilizou o PP do “deterioro das infraestruturas portuarias” e criticou directamente a alcaldesa, María Sampedro, por, dixo, “non defender o sector do mar, os seus profesionais, as confrarías e tamén a industria conserveira”.




