O BNG de Padrón denuncia “a supresión de servizos de tren”

06 Novembro 2026
Estación de tren de Padrón nunha imaxe de Obaixoulla.gal

O BNG de Padrón denunciou nun comunicado “os graves prexuízos que as obras na estación intermodal da Coruña están a provocar na rede ferroviaria”, afectando de maneira moi directa á estación padronesa coa supresión de servizos de tren e sen ofrecer ningunha alternativa de transporte por estrada ás persoas usuarias.

Coas modificacións afectando a toda a rede entre Vigo, Vilagarcía, Santiago e Ourense, a formación nacionalista alerta de que “se están a cancelar frecuencias nas estacións intermedias sen ofrecer ningunha compensación”.

A portavoz municipal do BNG, Bea Rei, censura que “existan cidadás e cidadáns de terceira á hora de garantir o dereito á mobilidade, xa que mentres noutras liñas de maior tamaño se habilitan servizos de autobús, en Padrón a decisión de Renfe pasa pola cancelación directa, deixando ás veciñas e veciños sen opcións para desprazarse ao traballo, aos centros de estudo ou ás súas xestións diarias”.

Desde o BNG critican tamén “a falta de planificación e a opacidade no sistema de venda de billetes de Renfe, que amosa na súa web as liñas afectadas como completas ou coas prazas esgotadas en lugar de informar abertamente da súa supresión”.

A formación di no comunicado que “este tipo de obras na infraestrutura son actuacións programadas con antelación, polo que Renfe tiña tempo máis que suficiente para informar á veciñanza en tempo e forma e ter habilitados desde o primeiro momento os sistemas alternativos necesarios para garantir a mobilidade da poboación”.

Do mesmo xeito, Bea Rei di que non están a explicar os porqués de que unha actuación situada no extremo norte do corredor ten que paralizar ou recortar frecuencias no tramo entre Vigo, Vilagarcía e Santiago, exixindo que “se busquen solucións operativas para manter activo o servizo no resto da liña sen usar calquera obra como escusa para reducir o tren de proximidade”.

Ante esta situación, Bea Rei fai un chamamento directo ao rexedor padronés para que “se poña á fronte das reivindicacións da cidadanía”. A portavoz subliña que o alcalde e o Goberno municipal “non poden quedar de brazos cruzados mentres se lle quitan servizos básicos á veciñanza”, polo que reclama a presentación inmediata dunha queixa formal ante o Ministerio de Transportes e Renfe para “esixir a restitución dos servizos suprimidos, a posta en marcha urxente de autobuses alternativos en igualdade de condicións e unha información transparente e clara ao público”.

Outros artigos

Talía Teatro leva este sábado ao Porto do Son A parábola do angazo

Esta fin de semana proseguen as actividades da III Mostra de Teatro do Porto do Son. Farao coa función divulgativa (humorístico-lingüística) A parábola do angazo, de Talía Teatro. A cita teatral celebrarase este sábado 7 de novembro ás 21.00 horas na Casa da Cultura...

+

Rois entrega os diplomas do curso de lingua e cultura galegas

A entrega de diplomas ao alumnado realizouse no Fogar do Selmo O Concello de Rois celebrou onte, xoves 5 de novembro, a entrega de diplomas do curso de introdución á lingua e á cultura galegas. A formación, impartida pola profesora Noelia Amado, reuniu alumnado...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

Hai bos xuíces, profesionais e valentes que cumpren coas súas obrigas. Un deles, sen dúbida, é Borja Pérez, titular do Xulgado Número 2 de Ribeira. Dita un auto xudicial polo cal suspende o lanzamento dunha familia vulnerable de Ribeira, en aplicación do novo RDL...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.