A Policía Nacional recomenda “extremar as precaucións” ante as estafas en portais de venda e alugueiro de vivenda

06 Novembro 2026

A Policía Nacional emitiu un comunicado no que recomenda á cidadanía extremar as precaucións nas súas xestións de busca de vivenda. O comunicado vén dado pola detección dun incremento de campañas fraudulentas centradas nos principais portais de compravenda e alugueiro de fogares.

Fachada da Comisaría da Policía Nacional de Ribeira

“Estas estafas, cada vez máis sofisticadas, non só buscan un beneficio económico inmediato a través de falsos sinais ou reservas, senón que operan como unha rede de de identidades para perpetrar novos delitos no futuro”, informa a Policía Nacional, lembrando que os estafadores publican anuncios sumamente atractivos (pisos céntricos, en excelente estado e a un prezo notablemente inferior ao da media do mercado) coa finalidade de xerar unha gran demanda. Unha vez que o interesado contacta, o suposto propietario ou axente inmobiliario adoita poñer escusas para non ensinar o piso de forma presencial (escusándose en que residen no estranxeiro ou de viaxe por motivos laborais).

Para avanzar no proceso, solicitan ao futuro inquilino dous requisitos: o pago por adiantado dunha fianza (un sinal ou un mes de alugueiro a través de transferencias bancarias ou aplicacións de pago instantáneo; e unha vez realizado o pago, desaparecen) e documentación do interesado (coa escusa de acreditar a solvencia do inquilino ou redactar un contrato, solicitan ao usuario fotografas do DNI ou pasaporte por ambas as caras, nóminas recentes, declaracións da renda e mesmo extractos bancarios, unha información que é almacenada polos delincuentes para suplantar a identidade das vítimas na contratación de créditos rápidos, apertura de contas en criptomoedas ou a comisión doutras estafas en liña).

A Policía Nacional lembra que “o dano deste tipo de estafas vai moito máis alá da perda económica da fianza”, xa que as vítimas “entregan suficiente documentación aos ciberdelincuentes para suplantacións posteriores da súa identidade”.

Os axentes recordan que teñen detectado que utilizan a identidade de vítimas para seguir xerando novos perfís de vivendas en alugueiro cos seus datos, cos que conseguirán realizar novas estafas.

​Consellos clave de prevención para evitar a fraude

-Desconfía de choios imposíbeis. Se o prezo dun inmóbel está moi por baixo dos valores habituais da zona, é moi probábel que se trate dun reclamo.

-Nunca pagar por adiantado. Cómpre non entregar diñeiro en concepto de reserva, fianza ou sinal sen visitar fisicamente o inmóbel e sen asinar un contrato legal en presenza de ambas as partes.

-Non enviar documentación persoal sensíbel a treo. Cómpre evitar compartir copias do DNI, nóminas ou datos bancarios a través de aplicacións de mensaxería (como WhatsApp ou correo electrónico) a descoñecidos. Se é estritamente necesario, engadir marcas de auga aos documentos indicando o seu uso exclusivo para esa xestión.

-Manter a comunicación dentro da plataforma. Os estafadores adoitan tentar desviar a conversa axiña a aplicacións externas para evitar os sistemas de seguridade das webs.

-Verificar a identidade do anunciante. Convén buscar referencias do inmóbel e do suposto propietario. Na maior parte das ocasións, as fotos dos pisos son roubadas doutros anuncios reais publicados na Internet (podemos comprobalo realizando unha procura inversa de imaxes en Google).

​A Policía Nacional remata o comunicado indicando que “se sospeitamos que fomos vítima dunha estafa deste tipo ou compartimos documentación comprometedora, cómpre recompilar todas as probas posíbeis (capturas de pantalla, xustificantes de pago, conversas) e denuncialo de inmediato, así como notificalo á entidade bancaria para bloquear posíbeis cargos”.

Outros artigos

Rois entrega os diplomas do curso de lingua e cultura galegas

A entrega de diplomas ao alumnado realizouse no Fogar do Selmo O Concello de Rois celebrou onte, xoves 5 de novembro, a entrega de diplomas do curso de introdución á lingua e á cultura galegas. A formación, impartida pola profesora Noelia Amado, reuniu alumnado...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

Hai bos xuíces, profesionais e valentes que cumpren coas súas obrigas. Un deles, sen dúbida, é Borja Pérez, titular do Xulgado Número 2 de Ribeira. Dita un auto xudicial polo cal suspende o lanzamento dunha familia vulnerable de Ribeira, en aplicación do novo RDL...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.