Francisco Antonio Vidal: “La Perla Agrícola serviu para aprender nocións de lectura e agricultura aos escolares do XIX”

22 Febreiro 2020
Francisco Antonio Vidal, no centro da imaxe, durante a presentación do libriño en Palmeira

A Asociación Barbantia e o Concello de Ribeira comezaron o ano reivindicando a historia do mestre palmeirán Ignacio Martínez Malvido, que no ano 1885 materializou unha investigación sobre os traballos que se realizaban no agro na recta final do século XIX: o libro pedagóxico La Perla Agrícola, que as ditas entidades recuperaron para a súa reedición facsimilar. Segundo fixeron saber as ditas entidades na súa presentación en Palmeira (o pasado 7 de febreiro na Sociedade Fillos de Palmeira) “este libriño pedagóxico estaba practicamente esquecido e ausente na maioría das bibliotecas públicas e privadas de Galicia”.

Na presentación da obra participou, en outros, Francisco Antonio Vidal, narrador e socio da Asociación Cultural Barbantia, quen foi un dos grandes artífices da recuperación da devandita obra.

Nós tivemos a sorte de falar con Francisco para que nos achegara máis detalles sobre o libro.

-Francisco, estades a recuperar en Barbantia unha historia que esperta a curiosidade da xente. Trátase da posta en valor de La Perla Agrícola, un libro do que moitos non escoitamos falar, nin tampouco do seu autor, palmeirán Ignacio Martínez Malvido. Quen era Ignacio Martínez Malvido?

-Martínez Malvido era un profesor, natural de Sanxenxo, que exerceu a docencia en Palmeira entre finais do século XIX e principios do XX. Pero, ó meu modo de ver, tamén é un cronista que nos deixou un bo feixe de artigos que retratan como era esta parte da Barbanza neses anos.

-Cales cres que foron as súas motivacións para escribir este libro?

Nun tempo en que os rapaces (moi poucas ou ningunha rapaza) ían a escola sen libros, ou ben porque non os había ou porque eran moi caros, este mestre tivo a idea de facer un libro que se vendía “a cincuenta céntimos de peseta”, e que ademais de servirlles para aprender a ler, tamén foi de utilidade para inculcarlles unhas nocións mínimas de agricultura, conceptos prácticos dos que poderían botar man na súa vida.

-Que ideas de valor podemos extraer da obra as lectoras e os lectores de hoxe?

-É evidente que os tempos mudaron moito desde 1885 ata hoxe. Xa non se usan as mesmas técnicas nin as mesmas ferramentas, pero o libro dános unha idea de como eran os labores do campo e cales eran as técnicas máis aconsellables. Desde o punto de vista de hoxe en día, o libro é un documento que nos aporta unha aproximación ás técnicas e usos daqueles anos; pero sobre todo o libro é un indicativo das preocupacións que un mestre rural tiña no referente ós seus alumnos.

-Diciades que o libro é fillo do seu tempo, un tempo no se cría con firmeza na poder da educación e nos beneficios sociais, económicos e de progreso da cultura. Credes en Barbantia que sería bo recuperar este espírito e extrapolalo aos tempos que corren?

-Creo e agardo que sexa unha idea compartida por máis xente, que o exemplo de desvelo e preocupación por mellorar as condicións sociais dos nosos rapaces, segue sendo un dos motivos que moven ós mestres actuais. En opinión de Barbantia “a educación, incluída a literatura é artística, é un factor de cohesión e de mobilidade social, a única forma de mellora para as clases modestas. Sería bo seguir a crer niso hoxe e potencialo”.

-A recuperación deste libriño forma parte do compromiso de Barbantia coa posta en valor da nosa cultura local, poñendo o foco na que ficaba esquecida. Que máis nos vai deparar esta liña de traballo? Tendes algún proxecto en mente?

-Barbantia naceu para facer piña entre os distintos concellos de bisbarra en pro da cultura, de dar a coñecer o que se fai en cada localidade e poñer en valor toda esa historia pero tamén a actualidade. Todo o que sexa dar a coñecer a nosa historia e as obras de creatividade dos nosos paisanos.

Segundo os directivos de Barbantia, “aínda hai pendente algún mecanoscrito inédito e estamos abertos á recuperación doutras obras esquecidas de autores do Barbanza do século XIX. Os concellos de Ribeira, Noia e A Pobra do Caramiñal foron os colaboradores da A. C. Barbantia neste comezo, pero continuaremos coa recuperación de novos traballos”.

Outros artigos

Incendio nunha vivenda na parroquia de Artes, no concello de Ribeira

Os bombeiros do parque Comarcal Provincial de Boiro  foron alertados esta mañá dun incendio que afectou a unha vivenda na parroquia de Artes, no concello de Ribeira. O foco inicial do lume foi iniciado dun deshumificador que ardeu e afectou a unha habitación,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

Todos sabemos que la historia de Romeo y Julieta es una novela, de W Shakespeare Pero la hermosa historia de amor entre Pedro I rey de Portugal y la gallega, Inés de Castro, es realmente dolorosamente y admirablemente cierta Por temor a que los hijos de Inés,...