Unha nova oportunidade para os edificios públicos de Boiro

O Concello de Boiro atópase inmerso nun proceso de reasignación dos espazos públicos a entidades do municipio. Por tal motivo, estase revisando o estado actual, as utilizacións e actividades de tódolos edificios co obxectivo de regularizalos e darlles unha segunda vida a aqueles que están en desuso. Tamén manifestan que se trata dun procedemento lento, desenvolvéndose pouco a pouco nos distintos centros coa finalidade de ofrecerlle un mellor servizo á veciñanza.

O primeiro dos inmobles que se puxo en funcionamento foi a antiga escola unitaria de O Saltiño, a cal realizou a tarefa de colexio no pasado, pero que agora estaba abandonada. Así, cedéuselle este espazo a dúas entidades deportivas que se encargarán de levar a cabo os labores de mantemento e acondicionamento para desenvolver con comodidade a súa actividade, así como utilizar as dependencias como sede, despacho, almacén e sala de xuntas.

Ademais, asignouse temporalmente a unha entidade a antiga unitaria de Ferreiros e atribuíselle a unha asociación cultural unha aula da unitaria de Escarabote, continuando no eido do acondicionamento de áreas para acoller outros colectivos. Desde o Concello afirman que se está equipando aos edificios públicos de mobiliario que permanecía almacenado, tentando así revitalizalos e cubrir necesidades. Algúns dos elementos a reincorporar son papeleiras, mesas ou cadeiras, entre outros.

Por outra banda, está previsto que a comezos de 2020 se solucione a asignación do Cuartel Vello de Boiro para usos sociais e comunitarios, así como o edificio das Colonias. Neste senso, a idea consiste en ir limpando e acondicionando as instalacións pouco a pouco para poder darlles uso e contar coa axuda da administración para revitalizalas.