Sae adiante o orzamento municipal de Ribeira para o 2019

28 Setembro 2019

20190927. Esta tarde celebrouse en Ribeira un pleno extraordinario co obxectivo de proceder á aprobación inicial do orzamento xeral para o exercicio económico de 2019 que ascende a 22’3 millóns de euros. Esta sesión contou coa ausencia de Herminia Pouso, do PBBI.

Primeiramente ratificáronse os tres puntos a abordar, contando cos votos a favor do PP, PSdeG-PSOE e BNG, os votos en contra do PBBI e a abstención de Suma Ribeira.

En segundo lugar, tratouse a solicitude de acceso ao Fondo de Cooperación, a xuro 0, para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, para a adquisición dun inmoble emprazado na rúa de Galicia nº 93 do Concello, e para a súa posterior rehabilitación. Deste xeito, preténdese, de saír adiante a moción que levará o BNG ao pleno ordinario do luns 30, construír a nova Biblioteca municipal nesa parcela de máis de 400 metros cadrados. A cuestión foi aprobada coa consideración favorable de tódolos grupos municipais, exceptuando Suma Ribeira que votou en contra porque, segundo explicou o voceiro Xurxo Ferrón, “nós non dispoñemos a estas alturas dun estudo suficiente para ver que proxecto de biblioteca se querería instalar nese inmoble” e “a necesidade de que haxa unha biblioteca que estea ben dotada para o concello, eu creo que é unha discusión distinta ao que se nos plantexa coa compra deste inmoble.”

Finalmente, tratáronse a aprobación do límite de gasto non financeiro do ano 2019 e a aprobación inicial do orzamento xeral para o exercicio económico 2019. O alcalde Manuel Ruiz manifestou que o importe total do orzamento ascende a 22.319.867 euros e que a débeda sitúase en torno aos 6.000.000 millóns de euros (o 33’07%). Segundo indicou o rexedor, non se procedeu á súa aprobación con anterioridade por mor das eleccións, co obxectivo de non condicionar á nova corporación.

Manuel Ruiz fixo fincapé en que estes presupostos dan contido aos acordos plenarios que inflúen en moitos ámbitos, así como acompasar a execución orzamentaria aos números. Neste senso, expuxo os motivos destes números, que inciden en tres aspectos: persoal do Concello, gastos correntes e servizos públicos municipais, e as achegas e novas achegas para inversión.

O voceiro de Suma Ribeira, Xurxo Ferrón, sinalou que “o señor alcalde, sabendo a composición deste pleno, non falou antes, non negociou antes, non fixo partícipe a outros grupos, a parte de que el, subxectivamente, o alcalde e o grupo popular, son moi donos de pensar que teñen toda a razón na aplicación destes presupostos cos argumentos que din.”

O nacionalista Xosé Vázquez Cobas expresou que “a realidade é que o 90% dos orzamentos xa está executado”, polo que asegurou que traballará nese 10% restante.

José Manuel Vilas, do PSdeG-PSOE, apuntou a que “as eleccións foron en maio, vostede puido haber presentado estes presupostos en xuño, en xullo ou en agosto, e poderíamos miralo con máis tempo.”

O representante do PBBI, Vicente Mariño de Bricio, quixo saber como se solucionarán as dedicacións, engadindo que “a vostede este trámite permítelle, ao meu modo de ver, un lavado de cara a nivel político.”

No que respecta ao límite de gasto, este asunto foi aprobado cos votos a favor do PP, PBBI e PSdeG-PSOE, e a abstención do BNG e Suma Ribeira. En canto aos orzamentos municipais, saíron adiante co voto favorable do alcalde que desfixo o empate existente entre a favor do PP e en contra do PBBI, PSdeG-PSOE e Suma Ribeira, así como a abstención do BNG.

Os presupostos entrarán en vigor no mes de novembro despois da exposición pública.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...