O rexedor Manuel Ruiz presenta os 22’3 millóns de euros do orzamento municipal de Ribeira para o 2019

18 Setembro 2019

20190918. O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, presentou esta mañá o orzamento municipal de 2019, o cal se levará a unha sesión plenaria, previsiblemente de carácter extraordinario, coa pretensión de que “o pleno ordinario do mes non se vexa afectado por un debate que soe levar máis tempo do resto dos debates e, polo tanto, é probable que se poda anticipar ao ordinario.”

O importe total do orzamento ascende a 22.319.867 euros, medio millón de euros menos que o ano anterior, pero que “basicamente teñen que ver en que este ano, o Concello non vai incluír dentro dos presupostos ningunha operación de préstamo”, situación que si se deu no anterior exercicio ao contar cun préstamo de 1’5 millóns de euros. Polo tanto, o rexedor manifestou que o volume de ingresos ordinarios é superior neste ano respecto ao anterior, situándose en aproximadamente un millón de euros máis, cualificando de “loable” a saúde financeira do Concello. De ser aprobado, entrará en vigor no mes de novembro despois da exposición pública. Segundo indicou, non se procedeu á súa aprobación con anterioridade por mor das eleccións, co obxectivo de non condicionar á nova corporación.

Así mesmo, Manuel Ruiz puntualizou que o aforro bruto establécese en 4.282.122 euros, mentres que o neto correspóndese con 2.824.760 euros. No que respecta á débeda, valorou a cifra como “mínimo histórico, cando menos da memoria de quen leva desde o ano 87 neste Concello”, pois sitúase en torno aos 6.000.000 millóns de euros (o 33’07%), tendo en conta que nos orzamentos do 2018 estaba no 49’6%.

O alcalde fixo fincapé en que estes presupostos dan contido aos acordos plenarios que inflúen en moitos ámbitos, así como acompasar a execución orzamentaria aos números, e engadiu que “calquera pode comprender que o interese á hora de aprobar uns presupostos responde a outros motivos que non son precisamente o que o primeiro beneficiario sexa o goberno local, senón que o primeiro beneficiario é o Concello de Ribeira.”

Neste senso, expuxo os motivos destes números, tales coma a aplicación da actual Relación de Postos de Traballo (RPT), paralizada desde o 2011, supoñendo un incremento no Capítulo 1 referente a gastos de persoal; a adaptación do decreto da Xunta equiparando as horas lectivas e salarios dos traballadores do conservatorio municipal aos dos autonómicos; a normativa estatal que permite a xubilación dos policías locais aos 60 anos, implicando unha subida dos custes socias de ao redor de 100.000 euros; o acordo do pleno en relación á aprobación dun gasto superior aos 135.000 euros en dependencia respecto ao 2018; a actualización de prezos no Capítulo 2 dos contratos de auga, servizo de recollida de lixo e iluminación; o acordo con Sogama comportando unha diminución de 80.000 euros na taxa de lixo entre tódolos cidadáns no último recibo do ano; o aumento do 72% nas áreas de igualdade e violencia de xénero; ou aportar a parte municipal de subvencións da Xunta de Galicia para a dotación de material para o novo centro de hostalería, a terceira fase da escavación do Castro da Cidá e a conclusión do Centro Social de Carreira.

No capítulo de investimentos, o montante total ascende a 2.926.810 euros, dedicando fondos propios por valor de 759.413 euros.

Deste xeito, o rexedor expresou que “estas son as razóns polas que cremos que tódolos grupos deberían apoiar estes presupostos, cando menos non impedir a súa aprobación plenaria”, xa que precisou que, de non ser así, “sería tanto como ir en contra dos seus propios acordos.”

Tamén criticou o carácter “obstrucionista” do PBBI, formación encabezada por Vicente Mariño de Bricio que retrasou a presentación das liñas mestras destes presupostos ata despois dos festexos de Santa Uxía, agardando actualmente “tan sequera unha contestación”, sobre todo, cando esta reunión xa se mantivo cos demais grupos municipais.

Ruiz lembrou que “ofrezo ao resto dos grupos a participación no deseño de cidade e a participación nos números e nos presupostos que dan pé a ese modelo de cidade.”

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ser joven en España”. José Castro López

“Ser joven en España”. José Castro López

La mayoría de las sentencias judiciales pasan desapercibidas. Otras, sin embargo, sonmuy llamativas porque el veredicto recae sobre aspectos muy sensibles de la vida socialo familiar. Como ha ocurrido en Italia.Hace unos meses un tribunal obligó a dos hombres de 40 y...