
20190816. A Sociedade Deportiva Barbantia Roda e o Concello de Rianxo informan de que se suspende, por mor das malas previsións metereolóxicas, a andaina Santa Compaña prevista para mañá, sábado 17, na que estaban inscritas 1.100 persoas.
Deste xeito, a nova data elixida para a celebración desta cita é o 7 de setembro, abríndose un prazo para novas inscricións de balde ata o xoves, 5 de setembro, ás 23.59 horas, a través da páxina web www.emesports.es. Para solicitar información poden dirixirse á oficina de Deportes de Rianxo ou mediante o enderezo electrónico barbantia.eventos@gmail.com. As persoas xa inscritas conservan o seu dereito a participar, sen ter que cubrir o formulario novamente.
Por motivos organizativos, solicítaselle ás persoas que, estando anotadas, non vaian poder participar o 7 de setembro, comuniquen a súa baixa a través dos enderezos electrónicos deportes@concelloderianxo.gal e barbantia.eventos@gmail.com ou dos números de contacto do Servizo de Deportes, 981866381 e 661247136.
Esta iniciativa xurdiu da atleta Alejandra Gómez, filla do presidente de Barbantia Roda, Manuel Gómez. Desta maneira, naceu catro anos atrás unha proposta que acabou converténdose nun dos buque insignia do Barbantia Roda e do Concello de Rianxo, con participantes que chegan de distintas partes do territorio galego. O punto de encontro será o Campo Maneiro, en Taragoña, percorrendo unha distancia de 8 quilómetros chea de sorpresas que se irán desvelando o propio día. Unha vez teña lugar a chegada ao cumio do Castro, procederase á tirada de fogos de artificio. De retorno ao Campo Maneiro farase o mesmo traxecto para que os camiñantes poidan fotografarse. Ademais, disporase dunha zona con atrezzo e actores, abrindo o espectro do medo. Como remate haberá actuación final, conxuro da queimada e bolos preñados proporcionados por Panmillo, entre outros.