Rianxo acollerá unha andaina de medo

08 Agosto 2019

20190808. O sábado 17 terá lugar unha nova edición da andaina nocturna Santa Compaña. O ano pasado participaron máis de 600 persoas, polo que se agarda superar esa cifra. Así, o punto de encontro será o Campo Maneiro, en Taragoña, percorrendo unha distancia de 8 quilómetros.

No acto de presentación estiveron a primeira tenente de alcalde de Rianxo, María del Carmen Figueira; o concelleiro de Deportes, Xusto Ordóñez; o presidente de Barbantia Roda, Manuel Gómez; o director técnico da asociación, José Navarro; e as atletas María Jesús Rey, Alejandra Gómez e Lía Gómez.

O edil Xusto Ordóñez manifestou que se trata dunha cita festiva vinculada a “unha das nosas tradicións máis populares que é a Santa Compaña.” Como remate haberá actuación final a cargo dos pobrenses Caras B, conxuro da queimada, bolos preñados proporcionados por Panmillo, sorpresas, galletas de coco, etcétera.

A primeira tenente de alcalde de Rianxo, María del Carmen Figueira, indicou que é unha maneira de poñer en coñecemento dos máis novos a historia desta procesión de ánimas e incitou a participar nunha andaina diferente “porque creo que non hai moitas de noite nin con esta mezcla de festa e deporte.”

Pola súa parte, o presidente de Barbantia Roda, Manuel Gómez, precisou que a iniciativa xurdiu dunha das súas fillas, a atleta Alejandra Gómez. Desta maneira, comezou catro anos atrás esta proposta que acabou converténdose no “buque insignia do Barbantia Roda e do Concello de Rianxo porque non nos esperábamos tanta expectativa.” De feito, comezaron con 200 participantes na primeira edición e na terceira superaron os 600. Incluso chega xente de distintos puntos do territorio galego. Gómez anunciou que “este ano vai abrir un pouco o espectro a outras cousas do medo.” Así, haberá sorpresas que se desvelarán o propio día da andaina. Ademais, disporase dunha zona con atrezzo e actores pois o obxectivo é “que a xente veña a divertirse e que veña a pasar medo.” Unha vez cheguen ao cumio do Castro, procederase á tirada de fogos de artificio. De retorno ao Campo Maneiro farase o mesmo traxecto para que os camiñantes poidan fotografarse. Tamén resaltou que a xente leve lanternas para ter visibilidade e apelou á responsabilidade. Do mesmo xeito, aproveitou para expresar o seu agradecemento ao Concello, ás comunidades de montes, Servizo Forestal, Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, un destacamento do Parque de Bombeiros de Boiro e servizo de ambulancia, que garantirán a seguridade do evento.

Os interesados dispoñen ata o xoves 15 para inscribirse de balde a través da páxina web www.emesports.es. Para solicitar información poden dirixirse á oficina de Deportes de Rianxo ou mediante o enderezo electrónico barbantia.eventos@gmail.com.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será -se así o decide o Colexio de Comisarios- o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea- A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político...