
O Auditorio de Rianxo acolleu este venres 9 de outubro a presentación da nova edición da Mostra Internacional Mares da Fin do Mundo, que se celebra a vindeira semana (entre o 14 e o 18 de outubro) na vila rianxeira. Participaron na rolda de prensa Soledad Agra Tuñas (responsábel de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña), Ana Vidal Fungariño (tenente de alcalde do Concello de Rianxo) e Marcos Gallego (presidente da Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo). A Mostra chega á súa novena edición novamente organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración económica da Deputación da Coruña e do Concello de Rianxo.
No transcurso da presentación fíxose referencia á programación da novena Mostra, que nesta edición porá o foco na preservación das flotas de pesca artesanal e de baixura, como expresión da soberanía alimentaria, do patrimonio marítimo–pesqueiro e como sinal de identidade dos pobos costeiros. No apartado cinematográfico, MDFDM 2026 introduce algunhas novidades respecto da estrutura de proxeccións dos últimos anos, cun total de corenta filmes nacionais e internacionais repartidos nas distintas seccións e actividades.
As proxeccións terán lugar no Auditorio de Rianxo e complementaranse con actividades paralelas que se desenvolverán en diversas localizacións do municipio.
Para asistir ás actividades da Mostra, ben sexan proxeccións ou actividades paralelas, será preciso facer a inscrición previa a través do sitio web da Mostra.
Competición Oficial
Mantendo o formato de edicións anteriores, a IX Mostra Mares da Fin do Mundo volverá contar cunha Competición Oficial na que participarán dezaseis curtametraxes documentais procedentes de diferentes puntos do mundo. Mantéñense os dous premios da Competición Oficial, así como a súa dotación económica. Os galardóns son: o Premio do Público (trofeo “O Faro”, con 1.000 € de dotación) e o Premio á Mellor Película da Competición Oficial (trofeo “O Faro”, dotado con 2.000 €), este último outorgado por un xurado profesional.
A continuación, os filmes que forman parte da competición:
⎯ 32 ans a bord, de Naomi Goldziuk (Francia, 2025)
⎯ Agridoce, de Carmen Tofeni (Portugal, Romanía, Bélxica, Hungría, 2025)
⎯ Chasing whales, de La Fille Renne (Francia, 2025)
⎯ Chuuraa, de Evgenia Arbugaeva (Reino Unido, 2026)
⎯ El Draa, de Francesco Rubattu (Italia, 2026)
⎯ Free Fish, de Bisan Owda (Palestina, Portugal, 2025)
⎯ La luz que nos guía, de Cristina Rodríguez Paz (España, 2025)
⎯ La mar, de Jean Chapiro (México, 2025)
⎯ Les copains d ́abord, de Thomas Laliberté e Marilou Miller (Canadá, 2025)
⎯ Mare Sapiens, de Aurélie Darbouret e Jeff Silva (Francia, 2026)
⎯ Piercing Water de Fan Wu (Taiwán, 2026)
⎯ Redeiras, de Acacia Ojea e Arancha Brandón(España, Galicia, 2026)
⎯ Seablindness, de Tereza Smetanová (Eslovaquia, 2025)
⎯ Si el silencio fuera azul, de B. Rojas, G. Muñoz Garay, M. Fuenzalida, M. J. Cardemil e M. Pompermayer (España, Cataluña, 2025)
⎯ The Sea is the Walls of My Home, de Floortje Zonneveld (Noruega, 2026)
⎯ Water to the Wall, de Becky Manson (Reino Unido, Escocia, 2025)
Son en total dezaseis obras de diversas nacionalidades e múltiples linguas (con subtítulos en galego), que “permitirán achegar ao espectador á realidade de diversos territorios e comunidades costeiras da xeografía mundial a través da filosofía e compromiso da Mostra co medio mariño, co sector pesqueiro e a súa sustentabilidade dende diferentes puntos de vista: ecolóxico, social, cultural e poético”, informaron na presentación do certame.
Proxeccións especiais
O filme que inaugurará a IX Mostra MDFDM será Fomos Ficando Sós, de Adrián Canoura (España, Galicia, 2025), unha obra profundamente vinculada a Rianxo e á poesía de Manuel Antonio, xa que o título nace precisamente dun dos poemas de De catro a catro e, ao igual que o poemario, achéganos á soidade e á dureza do traballo no mar.
Canoura convídanos a unha viaxe íntima e persoal a través da súa vida, marcada polas tempadas de ausencia do seu pai, patrón de pesca de altura. Nesta travesía descubriremos anacos de realidade gravados dende finais dos anos 80 ata a experiencia do propio director, en 2024, como acompañante nunha campaña no Gran Sol. Un percorrido pola memoria que trata de encher os ocos deixados polos momentos que pai e fillo viviron separados.

MDFDM 2026 volverá contar con dúas seccións paralelas: Proa, na que se programan filmes e cineastas na vangarda do cinema da realidade, que abordan os temas centrais da Mostra e ollan cara ao futuro, e Popa, dedicada á proxección de filmes de arquivo e históricos.
Nesta ocasión, a sección Proa achéganos ao íntimo vínculo dos seus protagonistas co mar, á soidade da profesión e á beleza e crueza que a acompañan, poñendo o foco nas relacións familiares e amosando as incertezas sobre o futuro das frotas pesqueiras e as dificultades que presenta na actualidade o relevo xeracional. As longametraxes documentais que integrarán esta sección serán Austral, de Benjamin Colaux (Bélxica, Francia, 2022), e Altamar, de Ernesto Jara Vargas (Costa Rica, Colombia, 2024). O filme de Benjamin Colaux trasládanos ás tristemente célebres illas do extremo sur de Chile onde tres homes se enfrontan ao mar do sur e aos seus perigos, deixando atrás ás súas familias para atoparse con pescadores illados, cos que coinciden na importancia de perpetuar unha profesión e unha forma de vida ameazada coa extinción. Por outro lado, Ernesto Jara Vargas somérxenos na vida de Ely, pescador de Puntarenas, en Costa Rica, para comprender a dualidade de sentimentos que o acompañan cando se enfronta á dureza dunha vida separada da terra e da súa familia, á atracción coa que o mar o empurra a continuar nunha profesión que contempla transmitir ao seu fillo. Unha vida marcada por longas xornadas de traballo que, co paso dos anos , van deixando pegada no seu corpo e na súa mente.
Nesta novena edición, a sección Popa achéganos ao cinema documental noruegués grazas á colaboración coa Biblioteca Nacional de Noruega, a través dunha selección de seis películas de grande valor histórico, sociolóxico e antropolóxico, realizadas entre 1910 e 1929. Os filmes Bautizo e botadura do Midnatsol (1910), Pesca do arenque atlántico preto de Ålesund (1914), Actividades de natación no fiorde de Kritiania (1919), Secado de peixe (1924), Filmes de natureza Tiedemann: pesca nas Lofoten (1929) e Unha viaxe turística polo norte de Noruega (s.d.) propoñen unha viaxe pola Noruega de primeiros do século XX, ofrecendo unha mirada directa sobre a sociedade norueguesa da época e a súa estreita relación co mar, ao tempo que constitúen un valioso testemuño dos primeiros pasos do cinema como ferramenta de de rexistro da realidade. Paisaxes de costumes, actividades de lecer e socialización, técnicas tradicionais de pesca artesanal e o desenvolvemento da industria naval son algúns dos temas retratados nos filmes, que amosan unha época na que o mar era fonte de sustento, espazo de traballo e lugar de encontro.
O domingo 18 de outubro, despois da entrega de premios, proxectarase Fillos dunha batea, estrea da primeira produción da directora rianxeira Alejandra Tubio Mariño. O filme achéganos ao sector bateeiro da ría de Arousa a través dunha obra que pon o foco no seu compoñente humano e na batea como eixe central da vida de moitas familias na zona, reivindicando un oficio duro e mostrando que o mar non é só traballo, senón unha forma de vida.
Sección Galega
Neste 2026 volvemos contar coa Sección Galega, na que se proxectarán catro filmes que nos convidan a mirar cara á nosa costa desde perspectivas moi diferentes. O papel da muller nas profesións do sector pesqueiro, os inicios do surfismo na costa galega, a vinculación das fortalezas co mar na Costa da Morte ou a relación entre a natureza e os humanos son algunhas das historias que nos achegan os traballos seleccionados. Tres destes filmes competirán polo Premio do Público á Mellor Película Galega:
⎯ A costa e os castelos, de Alejandro Gándara (Galicia, 2026)
⎯ O mar é o meu chan, de Xoán Vázquez (Galicia, 2026)
⎯ Un mar de mulleres, de Sabela Brand (Galicia, 2025)
Dentro da Sección Galega tamén haberá a oportunidade de asistir á estrea dunha obra non competitiva apoiada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo:
⎯A poza matriz, de Nancy Frey (Galicia, 2026)
Sección Infantil e Xuvenil
Inaugurada na anterior edición, nesta IX MDFDM mantemos a Sección Infantil, pensada para o público máis novo co obxectivo de espertar curiosidade e pensamento crítico ao redor do cinema. Mantendo a esencia da Mostra, ofrece filmes adaptados ás diferentes idades sen perder a sensibilidade que caracteriza ao festival. Nesta edición proxectaranse:
– 9 Million Colors, de Bára Anna Stejskalová (República Checa, Noruega, Alemaña, 2025)
– J ́ai pêché un requin, de Emma Guirouard (Francia, 2025)
– La Carpe et L ́enfant, de Morgane Simon e Arnaud Demuynck (Francia, Bélxica, 2024)
– Poisson Nuage, de Noé Garcia (Francia, Bélxica, 2025)
– Suspiro de mar, de Elva Arrieta Tabuzo (Perú, 2026)
– When Ocean Rises, de Yongxin Wang (Alemaña, 2025)
Unha das novidades desta IX MDFDM será a estrea da Sección Xuvenil, un novo programa pensado para o público mozo. Nesta primeira edición proxectaranse dous filmes de temáticas moi distintas, pero conectados pola necesidade de preservar e transmitir o patrimonio natural e cultural ligado ao mar. Os títulos son:
– A Clawsome Tale, de Lucie Machin (Reino Unido, 2025)
– The Boat Builders (Båtbyggerne), de Seveinung Uddu Ystad e Jon terge Hellgren Hansen / Forbundet KYSTEN (Noruega, 2022)

Actividades paralelas
Coma en edicións anteriores, a programación compleméntase con diversas actividades paralelas desenvolvidas entre o Auditorio de Rianxo e outros espazos do municipio. Coincidindo coa xornada inaugural da Mostra, o mércores 14 de outubro, as actividades e proxeccións da xornada enmarcaranse na campaña da Comisión Europea coa que colabora a IX Mostra MDFDM 2026, “Día Marítimo Europeo no Meu País”, sendo este un os únicos tres eventos que se celebran en Galicia baixo esta marca.
O xoves 15 ás 11:00 h, na Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo, a asociación Amicos presentará Cabalga II, unha iniciativa que traballa na recuperación de ecosistemas mariños vulnerábeis, como os bosques de laminarias, poñendo en diálogo a ciencia co sector pesqueiro e a sociedade. Durante a presentación do proxecto proxectarase o filme Coidado dos mares, creado por membros da asociación para dar visibilidade ao traballo dos seus usuarios no coidado do mar.
A continuación, na mesma mañá do xoves, os asistentes á Mostra poderán participar nun achegamento ao marisqueo a pé a través dun roteiro divulgativo pensado para dar a coñecer e poñer en valor o labor das mariscadoras e mariscadores. Da man da Agrupación de Mariscadoras a Pé da Confraría Virxe do Carme de Rianxo, os asistentes trasladaranse a unha das zonas extractivas do municipio para asistir en directo a unha demostración do traballo extractivo. A actividade rematará na Lonxa de Rianxo, onde se poderá observar o proceso de clasificación e pesado posterior.

O venres 16 ás 12:00 h celebrarase a primeira saída de Navegación Tradicional (previa reserva) da IX MDFDM. En colaboración con Bluscus Galicia Marinera, esta actividade permitiranos descubrir, a bordo do balandro Santa Cruz, o patrimonio vivo da carpintaría de ribeira e coñecer de primeira man esta embarcación tradicional, mentres haberá un percorrido polas augas da ría de Arousa. Pensada para un mínimo de 5 persoas e un máximo de 10, esta actividade repetirase o sábado 17 ás 12:00 h e o domingo 18 ás 10:00 h e ás 12:00 h.
O sábado 17 ás 11:00 h celebrarase a actividade Facendo un novo sancosmeiro. AGALCARI e Astilleros Catoira presentarán esta iniciativa de recuperación do sancosmeiro, que dá nome ao sombreiro típico da zona de Muros e Noia pero tamén a unha embarcación tradicional da ría. O proxecto, que se atopa nas últimas fases de construción, parte duns planos recuperados polo mestre carpinteiro de ribeira Gerardo Triñanes e está a ser desenvolvido da man de Ramón Collazo seguindo as técnicas tradicionais da carpintaría de ribeira.
O domingo 18 celebraranse diversas actividades no Auditorio de Rianxo. Ás 11:00 h, no Salón de Actos, terá lugar a habitual Mesa da Pesca Sostible baixo o título Restaurando o mar: compromiso azul. A mesa estará moderada por Javier García Galdo (biólogo mariño) e contará coa participación de Pedro Cendón (biólogo da Fundación Amicos), María Caldeiro (Fundamar) e Manuel A. Reiriz (presidente da Asociación de Percebeiros de Aguiño). Os participantes manterán un debate para analizar o impacto real das iniciativas do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas (2021 – 2030), o chamamento global da ONU para a protección e recuperación dos hábitats naturais do planeta.
A continuación, será a quenda da presentación de Un mar de curiosidades, segundo libro do biólogo mariño Javier García Galdo. Trátase dunha obra de divulgación científica, narrada dende a curiosidade e a imaxinación, que nos achega aos misterios do mar e dos seus habitantes sen esquecer a relación que os humanos temos co mundo mariño. Galdo é biólogo mariño, docente e divulgador científico cuxa longa traxectoria profesional estivo sempre ligada á pesca e ao marisqueo.
Nesta IX edición da Mostra MDFDM volverá celebrarse o Obradoiro de Cinema con Móbiles, unha actividade de formación de novos públicos, actividade aberta ao público en xeral na que os asistentes tomarán contacto coa cinematografía e co tratamento narrativo do seu entorno patrimonial, social e medioambiental. Durante a cerimonia de clausura proxectarase o traballo desenvolvido e farase entrega dos diplomas ao alumnado participante.
Así mesmo, os asistentes á IX MDFDM terán a oportunidade de gozar da exposición de pintura Mar de Flores, de Karin Kuijper. Unha serie de acrílicos sobre lenzo de estilo naif que representan escenas de costumes galegos e neerlandeses que se poden visitar no Auditorio de Rianxo ata o 18 de outubro.



