
20190809. A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe en Ribeira na XIV Viamare Stock Feira de Oportunidades, onde manifestou que a Xunta está impulsando o comercio de proximidade a través de diferentes medidas coma son as axudas que por máis de 800.000 euros estimulará a ecoinnovación.
Precisamente, Vázquez informou sobre que hoxe remata o prazo de solicitude para acceder a estes apoios, un programa que permite aos comerciantes adherirse á plataforma de tícket dixital impulsada xunto coa Federación Galega de Comercio. Deste xeito, poderán achegar unha maior comodidade e garantía aos clientes, ao tempo que minimizan o uso do papel e os contaminantes vinculados aos procesos de impresión.
Con esta iniciativa preténdese promover tamén a utilización de ecoenvases, a través de materiais biodegradables e a eliminación progresiva dos plásticos. Ademais, concederanse apoios para a implantación e posta en marcha de proxectos que favorezan a economía circular, a través de actuacións coma a reciclaxe. Segundo subliñou a directora xeral, a pretensión é contar cun comercio máis moderno e competitivo e contribuír ao coidado do planeta.
Estas axudas diríxense tanto a comerciantes e obradoiros artesanais coma a centros comerciais abertos e asociacións de praceiros co obxectivo de impulsar a dixitalización e a innovación, dos aspectos que axudan á modernización do comercio de proximidade, gañando en competitividade e rendibilidade.
Esta actuación enmárcase na iniciativa Comercio 360 coa que a Xunta está apostando pola dixitalización comercial, a economía circular e o produto local. O obxectivo principal desta acción é darlle un pulo ao sector mellorando tanto a súa competitividade como a súa modernización. As novas medidas, que xa están en marcha, pretenden dar resposta ás demandas dos clientes, anticipándose ás súas necesidades, e adecuarse aos novos hábitos que se teñen detectado no eido comercial.
Comercio 360 desenvolverase ata 2021 destinándose neste primeiro exercicio en Galicia 5’7 millóns de euros para poñer en funcionamento medidas de sensibilización, axudas para a ecoinnovación e laboratorios comerciais, que se suman ás de modernización e dixitalización do comercio de proximidade que convocou este ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria.
A directora xeral quixo amosar, deste xeito, o apoio que a Xunta está a dar ao comercio de proximidade, salientando o compromiso do Goberno galego co asociacionismo comercial e coa modernización e impulso á competitividade do comercio galego.