O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe a Estatística de nomes dos neonatos galegos correspondente ao ano 2022, que reflicte que Noa e Martín son os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia.
Os nomes de mulleres máis comúns son Noa, Sofía, Valeria, Olivia e Martina, que se atopan nas primeiras cinco posicións.
En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os cinco máis frecuentes son Martín, Mateo, Leo, Lucas e Hugo. A comparativa co ano 2021 reflicte que estes eran tamén os nomes preferentes nese ano, coa diferencia de que Mateo e Martín intercambian posicións e Hugo estaba no terceiro lugar e no 2023 baixa ata o quinto posto, por detrás de Leo e Lucas, que ocupan o terceiro e cuarto posto, respectivamente.
Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como en 2022, no caso dos nenos, todos os nomes se manteñen na lista, agás Izan, Daniel e Alejandro que dan paso no 2022 a Thiago, Liam e Nicolas.
En canto ás nenas, no 2022 incorpóranse Alba, Alma e Antía e desaparecen do listado dos 20 primeiros Sabela, Emma e Carla.
Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación
O IGE tamén dispón da Estatística sobre os nomes máis frecuentes da poboación a través da cal se pode coñecer a evolución histórica dos nomes en función da comarca, o xénero ou a década (desde antes de 1930 ata a década actual).
Esta estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, e permite tamén coñecer a distribución comarcal de calquera nome. Pódese consultar neste enlace.
NOMES MÁIS FRECUENTES EN 2021 E 2022
| NENOS | NENAS | ||||
| 2021 | 2022 | 2021 | 2022 | ||
| 1 | Mateo | Martín | 1 | Sofía | Noa |
| 2 | Martín | Mateo | 2 | Noa | Sofía |
| 3 | Hugo | Leo | 3 | Martina | Valeria |
| 4 | Leo | Lucas | 4 | Lara | Olivia |
| 5 | Lucas | Hugo | 5 | Valeria | Martina |
| 6 | Enzo | Manuel | 6 | Daniela | Lucía |
| 7 | Manuel | Enzo | 7 | Olivia | Daniela |
| 8 | Roi | Luca | 8 | Sara | Lara |
| 9 | Gael | Roi | 9 | Mia | Sara |
| 10 | Alex | Gael | 10 | Lucia | Mia |
| 11 | Antón | Xoel | 11 | Lía | Carmen |
| 12 | Izan | Antón | 12 | Valentina | Vera |
| 13 | Daniel | Marco | 13 | Vera | Lía |
| 14 | Pablo | Pablo | 14 | Vega | Valentina |
| 15 | Marco | Alex | 15 | Julia | Vega |
| 16 | Brais | Brais | 16 | Sabela | Alba |
| 17 | Bruno | Bruno | 17 | Carmen | Lola |
| 18 | Xoel | Thiago | 18 | Emma | Alma |
| 19 | Luca | Liam | 19 | Carla | Julia |
| 20 | Alejandro | Nicolás | 20 | Lola | Antía |




