O Concello de Boiro, a través da Concellería de Cultura, programou para este mes de agosto unha manchea de actividades para todos os públicos. A concelleira de Cultura, María Outeiral, presentou na mañá deste mércores 2 de agosto o programa de actividades. En palabras da edil, “a nosa intención foi seguir a dinámica dos últimos anos e facer actividades ao aire libre e en distintos espazos das parroquias do noso concello”. A maior parte dos espectáculos están pensados para público infantil e familiar “co obxectivo de ofrecer ás familias tempo de ocio durante as vacacións estivais”.

Na programación de verán destaca o concerto de Carlos Núñez no Pazo de Goiáns, que será o vindeiro 14 de agosto ás 20.00 horas e para o que xa están dispoñíbeis as entradas en Ataquilla. Tamén o concerto de Leilía, no marco de Paisaxes Sonoras, organizado pola Mancomunidade Barbanza Arousa, para o que se poden conseguir as entradas a través da mesma plataforma e o tributo a Maná no parque da Cachada para rematar a festa de fin de verán cunha tirada de fogos artificiais.
“Esta programación que realizamos dende cultura está coordinada coa programación propia que realizan os colectivos e grupos locais así como as entidades veciñais e asociacións de festas”, afirmou a concelleira. O mes de agosto ten unha programación cultural moi ampla “e aínda quedan algunhas sorpresas que iremos anunciando nas vindeiras semanas”.
A programación completa e detallada está dispoñíbel na web municipal (www.boiro.gal) onde se irá actualizando coas novidades.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES
- Venres 4 de agosto, 12.00h. Centro Social de Abanqueiro – contacontos “Desfógate. Unha aventura acuática” de Raquel Queizás
- Martes 8 de agosto, 20.00h. Pazo de Goiáns – visita teatralizada cos Quinquilláns.
- Martes 8 de agosto, 21.30h. Pazo de Goiáns – “Tralalareira” de Vero Rilo no marco do programa ‘Mulleres Contando no Pazo’.
- Martes 8 de agosto, 22.00h. Agramuíña (Escarabote) – proxección do filme “Valentina” no marco do programa Cine na Rúa.
- Xoves 10 de agosto, 20.30h. Paseo marítimo de Barraña – “Glamping” SU.Ma.
- Sábado 12 de agosto, 20.00h. Paseo marítimo de Barraña – festa infantil
- Luns 14 de agosto, 20.00h. Pazo de Goiáns – concerto “Lugares Máxicos” de Carlos Núñez.
- Xoves 17 de agosto, 12.00h. Paseo marítimo de Barraña – espectáculo “C@nto contigo” de Paco Nogueiras.
- Xoves 17 de agosto, 20.30h. Agramuíña (Escarabote) – “Rogelio, un pallaso en recuperación” – As Sircópatas
- Martes 22 de agosto, 20.30h. San Roque (Cespón) – “Camiños de mar, terra e vento” Paula Carballeira.
- Mércores 23 de agosto, 12.00h. A Cachada – “Concertazo na horta” Brais das Hortas.
- Xoves 24 de agosto, 20.30h. Cabo de Cruz – “Malabaridades” Fran Boza
- Sábado 26 de agosto, 13.00h. A Cachada – Concerto de “Leilía” no marco de Paisaxes Sonoras.
- Sábado 26 de agosto, 22.00h. A Cachada – concerto Tributo a Maná.
- Martes 29 de agosto, 12.00h. O Coído – “CantaXoga” Migallas Teatro.
- Mércores 30 de agosto, 20.30h. diante da Casa da Cultura – “Laisse Moi” Collectif Primavez.



