
A Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) vai organizar o vindeiro 26 de agosto unha festa para despedir en verán. Será, en palabras da patronal, “unha experiencia chea de actividade e diversión para todas as idades”. A celebración comezará ás 19:00 horas cun desfile da familia dos Bolechas percorrendo as rúas da vila. Os personaxes creados por Pepe Carreiro estarán en Rianxo ata as 21:00 horas. Os máis pequenos poderán sacarse fotografías cos integrantes da familia.
De xeito complementario, na praza de Castelao os máis novos poderán desfrutar de obradoiros
creativos, xogos e inchábeis, a partir das 20:30 horas. Achegarase aos participantes a posibilidade de demostrar o seu talento musical cun karaoke no que poderán interpretar temas dun amplo repertorio de cancións infantís, éxitos actuais e clásicos.
“Dende a ARE queremos que esta festa sexa unha maneira de expresar a nosa gratitude a todos os clientes e veciños do comercio local. Coa participación dos Bolechas e unha variedade de actividades divertidas, esperamos que todos os asistentes leven consigo momentos de alegría e diversión”, explicou a patronal, ao tempo que lanzou un convite “a todos os veciños e visitantes a unirse a esta emocionante celebración que marcará o final do verán cunha explosión de diversión e emoción”.



