Rianxo acolle unha finde de teatro, cinema e música para dar a benvida ao Nadal

18 Decembro 2019
Fotograma de O que arde, de Oliver Laxe

Para contrarrestar o tren de temporais e galernas, a finde cultural de Rianxo achégase cargada de actividades, cousa que é de agradecer. A Área de Cultura de Rianxo puxo a punto a súa capacidade de elaborar axendas completas e, deste xeito, entre o venres e domingo están previstas sete citas para veciñas e veciños de todas as idades. O programa comeza este 19.30 horas, no Centro Social da Atalaia-Asados, co contacontos Unha de contos descontados, a cargo de Ogue 5 (Escola de Teatro Airiños). Será unha cita para nenas e nenos (e nenas e nenos grandes, tamén) inserida no programa Veladas de Inverno que desenvolve Airiños estas festas de Nadal en Asados.

A axenda prosegue pouco despois, este venres, na sala de exposicións do Auditorio de Rianxo, onde se procederá á apertura da exposición de gravados Sempre en Galiza. Homenaxe Artistas Galegos. Máis tarde, sobre as 21.00 horas, tamén no Auditorio (na sala Arcos Moldes) proxectarse o novo (un incontestábel éxito galego de público e crítica) filme do director lucense Oliver Laxe: O que arde.

Ao día seguinte a actividade non decrece, e comeza relativamente cedo (a partir das 12.00 horas) co Festival de Nadal da Asociación Escola de Música de Rianxo, na sala Arcos Moldes do Auditorio. Esta cita músico-festiva, que como todas as demais conta coa colaboración do Concello, artéllase en dúas sesións: unha primeira ás 12.00 horas e outra segunda ás 18.00 horas.

O sábado, ademais, proseguirá o festival de teatro de Airiños no Centro Social da Atalaia-Asados. E farao achegando teatro xuvenil a cargo de Patakamakabra, da Escola de Teatro Airiños, que van representar a peza Lendatarias a partir das 19.30 horas.

Un intre da representación de Unha primavera para Aldara

O domingo 22 a axenda de actividades ofrecerá á veciñanza outra cita de celebración coa que contrarrestar o mal tempo reinante estes días: o Festival de Nadal que se celebra a partir das 19.00 horas (organizado por Fogo Fatuo e o Concello, con entrada de balde até completar o aforo). Na mesma xornada do domingo, o Centro Social da Atalaia-Asados acollerá ás 19.30 horas outra gran representación teatral: a obra Unha primavera para Aldara a cargo de Teatro Airiños e a partir das 18.00 horas. Como lembrarmos, Unha primavera para Aldara está dirixida por Amantia Coello e baseada nun texto de Teresa Moure, autora tamén de Herba Moura ou Ostrácia (a vida da amante de Lenin, Inessa Armand). A obra lévanos da man á Galicia do século XV, durante a Revolta Irmandiña, máis polo miúdo á vida dun convento rexido pola abadesa Aldara Eáns, que discorre con tranquilidade até que chega ás súas portas, en primavera, un guerreiro irmandiño ferido, Don Nuno, pedindo acubillo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“País de emigrantes” – José Manuel Pena

“País de emigrantes” – José Manuel Pena

Galicia para ser un país de emigrantes aprendeu moi pouco sobre o tratamento laboral cara aos novos inmigrantes que chega en busca de novas oportunidades. Lembrar, cando algún galego marchábase para Suíza, EE.UU, Arxentina, Canadá, Alemaña ou Gran Bretaña. Os peores...

“Quen o sabe?”. Luís Celeiro

“Quen o sabe?”. Luís Celeiro

Non sei por que ni a santo de que vén á cabeza deste escribidor o caso insólito de Manoliñodas Filgueiras. Ocorreu nos primeiros anos da década do sesenta do século pasado e deixousen fala aos seus familiares, aos mestres que tiña, aos fregueses da parroquia, aos...