
Galicia para ser un país de emigrantes aprendeu moi pouco sobre o tratamento laboral cara aos novos inmigrantes que chega en busca de novas oportunidades. Lembrar, cando algún galego marchábase para Suíza, EE.UU, Arxentina, Canadá, Alemaña ou Gran Bretaña. Os peores traballos, durante os primeiros anos, eran para eles e as empresas apenas cumprían cos mínimos dereitos laborais.
Actualmente, continuamos facendo o mesmo cos inmigrantes que recibimos. Traballar sen contrato de traballo ou en precario; horas extraordinarias desorbitadas e sen retribución; as medidas de protección e prevención brillan pola súa ausencia; trato vexatorio e inhumano; baixos salarios, etc. . Moita xente veno como normal, porque eles pasaran polo mesmo neses países, chamados avanzados, modernos e democráticos. Agora terían que ter a necesaria empatía para entender o inferno polo que están a pasar moitos deses inmigrantes na actualidade.
A conmemoración do Día Internacional do Traballo tennos que lembrar a necesidade que supón o cumprimento dos Dereitos dos traballadores en todos os países do planeta, para evitar a picaresca e a corrupción dalgúns empregadores agudos que o único que perseguen é aumentar o seu patrimonio persoal á conta do sacrificio dos traballadores.



