
O vindeiro martes 07 de maio, ás 18.00 horas, terá lugar no Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro a representación do espectáculo de maxia infantil A Maxía de Europa de Pedro Bugarín.
Esta actividade, enmarcada no programa Europa no teu Concello de Europe Direct A Coruña (Deputación) do que forma parte o Concello de Rianxo, inclúe xogos, trucos, ilusións e humor para realizar unha viaxe máxica e dinámica para maiores e pequenos a través dos valores, símbolos, beneficios e algún dos programas da Unión Europea.
O público asistente poderá seguir os trucos de maxia realizados coas bandeiras europea e dos estados membro ou a moeda común, entre outros elementos. Como dixemos, o espectáculo estará guiado polo mago Pedro Bugarín, un ilusionista con máis de 15 anos de experiencia no seu eido e que tamén ten vivido múltiples experiencias de mobilidade en Europa.
O espectáculo levará durante o mes de maio os valores, símbolos e oportunidades da Unión Europea a un total de seis concellos da provincia adheridos a esta rede. A Maxia de Europa percorrerá Rianxo, Carral, Vedra, A Laracha, Pontedeume e Rois entre os días 7 e 15 de maio.
Toda a información dispoñíbel está recollida na páxina web da Deputación.



