
O Concello de Rois aposta por apoiar as explotacións gandeiras coa posta en marcha dun servizo gratuíto de recollida de plásticos agrícolas nas propias granxas. A iniciativa facilitará a xestión destes residuos e evitará que as persoas titulares teñan que encargarse do seu traslado, como sucedía ata agora.

O funcionamento do novo servizo explicouse este 6 de novembro nunha xuntanza celebrada no auditorio do edificio multiúsos á que asistiron representantes de 22 empresas gandeiras, na súa maioría explotacións de leite e tamén algunha de carne.
Na reunión participaron o alcalde, Ramón Tojo Lens; o concelleiro de Desenvolvemento Rural, Iván Fernández Filgueira; o concelleiro de Agricultura e Gandería, José Manuel López Bargo, e a técnica municipal Inmaculada Seage. Entre o público tamén estivo a concelleira Victoria Quiroga. Tanto ela como José Manuel López son titulares de explotacións gandeiras.
Ata agora, as persoas responsábeis das granxas trasladaban os plásticos á planta de reciclaxe de Servia, en Lousame.
Trala finalización, en maio de 2026, do contrato coa Mancomunidade Serra do Barbanza para a recollida de residuos, o Concello organizou este novo sistema. Un xestor autorizado encargarase de retirar os plásticos nas explotacións e transportalos a unha empresa especializada no seu tratamento e reciclaxe.
Dende o Concello salientan que “a medida tivo moi boa acollida entre as persoas asistentes, que agradeceron as facilidades que ofrece a Administración local”.
Durante a xuntanza xa se recolleu información sobre as toneladas de plástico que varias explotacións teñen amoreadas, co obxectivo de organizar a primeira retirada, prevista para finais deste mes de novembro. As seguintes recollidas realizaranse, de xeito aproximado, a finais de marzo e xullo.
O servizo admitirá exclusivamente plásticos agrícolas de silos e rolos, así como de invernadoiros. Deberán estar limpos e amoreados nun lugar da explotación accesible para o camión. Non se recollerán rodas, sacos de tipo big-bag, envases de plástico, redes ou cordas. As persoas que queiran entregar estes residuos deberán avisar no teléfono 981 804 109.



