Os Concellos de Ribeira e Porto do Son asinaron na mañá deste venres 26 de maio un convenio de colaboración destinado a execución dunha nova nova edición do Obradoiro de Emprego Tahume (a edición número IX) e a formular a solicitude conxunta á Xunta de Galicia dunha axuda para o seu financiamento, ao abeiro da orde do 21 de abril de 2023 da Consellería de Emprego e Igualdade.

O obradoiro contará con dúas especialidades: Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. A previsión é que conte cun total de 20 alumnos, dez por municipio. Segundo explicaron os rexedores, terá un ano de duración e carácter dual, “o que significa que unha vez remate o período formativo os concellos destinarán axudas para que as empresas os contraten e entren así no mercado laboral”.
Manuel Ruiz, alcalde de Ribeira, salientou “a frutífera colaboración existente entre os dous concellos veciños”, pois “esta é a novena vez en que se asina un convenio para celebrar un obradoiro de emprego conxunto”. Tamén significou “o amplo nicho de mercado laboral” que teñen ambas especialidades, tanto as rozas e a silvicultura como o acondicionamento de zonas verdes.
Pola súa banda, Luis Oujo, rexedor do Son, explicou que “as escolas taller desenvolvidas ata agora entre os dous concellos funcionaron moi ben” e manifestou o seu desexo “de que este novo obradoiro sirva de porta de entrada á creación dunha cooperativa ou dunha empresa coa que formar parte do mundo laboral”. De ser concedida a axuda, a previsión é que o novo obradoiro comece no mes de setembro, sinalaron, lembrando que nestes momentos hai en marcha o obradoiro Tahume VIII, especializado en cociña e en confección de redes.



